Laxe prepara as bágoas para a 62ª edición do seu Naufraxio
Poucas festas hai tan sentidas na comarca como o Naufraxio de Laxe. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia celebra este sábado 17 de agosto, a súa 62ª edición (está viva dende 1962). A partir das 11:00 horas e conta cunha completa programación na que se inclúe o pasarrúas, a misa solemne, a danza de arcos, a representación e a procesión marítima.
Sen dúbida, a representación do Naufraxio é o evento máis importante, que pon os sentimentos a flor de pel como a homenaxe a todos os finados no mar que representa. Será sobre as 12:00h no peirao, despois do pasarrúas e a misa solemne na honra da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, na Igrexa Parroquial Santa María da Atalaia.
Cando a Virxe saia en procesión ata a zona portuaria, será recibida pola danza de arcos. Xa en plena representación do Naufraxio, soará o ‘Salve Mariñeira’ a cargo dos traballadores do mar e dará comezo a procesión marítima.
Por último, a procesión da Virxe do Carme regresará á Igrexa Parroquial porteada polos mariñeiros descalzos que participaron na representación.