Novo bloqueo político para solventar os problemas dos áridos e de seguridade no porto de Laxe

Xa a semana pasada non respondía a unha pregunta do BNG, e onte, na Comisión 8ª do Parlamento volvía facelo. O PP non vai buscar unha solución definitiva ao problema dos áridos na praia de Laxe.
O BNG ademais de pedir unha actuación de rexeneración para devolver á praia de Laxe o seu perfil orixinario, tamén instaba á Xunta e ao Goberno do Estado a traballar de xeito coordinado para buscar unha solución técnica definitiva á seguridade marítima no porto laxense, que obriga cada inverno a moitas embarcacións a marchar para Camariñas ou subir a terra.
O PP votou en contra e o PSOE abstívose, polo que todo queda á expensas do que repercuta a dragaxe, obra que está a piques de rematar.
Porén, para o BNG, “A dragaxe non constitúe unha solución definitiva, pois seguirá entrando area e reproducirase de novo o problema do calado”, explicou Daniel Pérez. O deputado do BNG reclamou unha solución definitiva e consensuada entre a Xunta, como titular do porto, e o Goberno central, que debe autorizar a actuación. E esa solución pasa pola reforma integral do porto, “unha obra de envergadura, cun custe elevado e que require vontade política, pero, sobre todo, colaboración entre administracións e compromiso orzamentario. É o que solicitamos dende o BNG”, engadiu.
NOVAS RELACIONADAS
- A Xunta afirma que a dragaxe do porto de Laxe rematará en outubro pero non clarexa a problemática dos áridos.
- Xuño 22: A eterna visita da area de Laxe ao Parlamento.
- Novembro 21: Podemos e o BNG preguntan pola nova retirada de area da praia de laxe.
- Novembro 21: O Ministerio responsabiliza a Portos do eterno problema dos áridos e inundacións no paseo de Laxe.
- Febreiro 17: Temporal de mar en Laxe: barcos a terra (ou a Camariñas).