Sinaturas para apoiar a ILP a prol dos dereitos lingüísticos
Xentes como María Canosa, Federico Pérez, María Lado ou Mercedes Queixas Zas, entre outros moitos persoeiros da cultura galega, veñen de amosar o seu apoio á nova campaña da Mesa de Normalización para apoiar a Proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.
Unha campaña para a que xa está comezando unha recollida de sinaturas por Bergantiños. Así, o pasado sábado A Mesa montiu un posto de recollida de sinaturas en Laxe. Máis de 250 persoas mostraron o seu apoio. Desde a sección comarcal da Mesa avanzaron que o seu obxectivo é “acadar os maiores apoios posíbeis en toda a comarca” e que para iso “estenderán a campaña a máis concellos de Bergantiños durante as vindeiras semanas”.
O responsable da Mesa en Bergantiños, Xosé Cotelo, declarou que “malia que o idioma galego ten rango de lingua oficial, son moitas as veces en que somos obrigados a mudar de lingua durante as nosas relacións con empresas fornecedoras de gas, electricidade ou telefonía” e resaltou a importancia desta ILP “para rematarmos co menosprezo e coa discriminación á que nos vemos sometidos quen queremos facer uso da lingua galega”.
Fonte
- A Mesa.