Martes. 23.04.2024
El tiempo

Traba vibrou co Parga

Traba vibrou co Parga

Pechábase onte a Romaría das Milagres da parroquia laxense de Traba. E facíao por todo o alto, cun convidado de excepción como José Parga Eiroa, máis coñecido como O Parga. Maiores e pequenos escacharon coa risa durante un bo treito coa súa actuación.

Sabemos que o bo faise agardar e O Parga toma boa nota delo nas súas actuacións. Coas 01:00h no reloxo, a orquestra La Bámbola, que se encargou tamén de amenizar a velada, baixaba o telón para dar paso á atracción da noite. Pero O Parga aínda non chegara, así que tiveron que levantalo de novo e seguir coa música.

Co retraso anunciado comezou a actuación do de Cabana de Bergantiños, nun escenario do máis folclórico, con bombillas de cores e unha decoración en clave de bandeiras do máis internacional.

Como se dunha estrela de nivel internacional se tratara, máis de catrocentas persoas recibiron ao pai do Tío Pío cunha ovación. As risas reflectíanse nas caras de maiores e pequenos sen parar, i é que O Parga tamén ten a súa faceta de showman.

No repertorio do artista non faltaron os seus temas habituais, como El baile del Tío Pío, El burro ou Dame un euro. Tamén presentou o tema do verán, baixo o título de El canguro. Ademáis, o artista anunciou o título do que será o seu novo tema para o vindeiro ano 2012, que levará o título de La pulga.

No peche da actuación, que durou algo menos dunha hora, O Parga cantou en inglés, e amosou a súa predisposición e facilidade para cantar en linguas estranxeiras como “en injlés, en italiano, en francés ou portujés”.

Por último, o artista amosou as súas gañas para participar na Romaría das Milagres no vindeiro ano.

As orquestras Versalles, La Bámbola e Ciclón completaban o cartel dos festexos, que comezaban o pasado domingo.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios