Unha nova Andaina para descubrir os Penedos de Traba e Pasarela e homenaxear a Roberto Mouzo

É un dos meirandes tesouros da bisbarra. De feito, é a única Paisaxe Protexida da Costa da Morte e agocha ducias de sorpresas. Podes ir unha e outra vez e sempre descobres algo novo nos Penedos de Traba e Pasarela. E para descubrilos, o próximo sábado 29 de xuño os Concellos de Teo (programa “Pateo”) e Vimianzo (no marco das exitosas “Andainas 2013”) organizan conxuntamente unha andaina polos Penedos.

Esta andaina serve de pequena homenaxe a Roberto Mouzo, recentemente falecido. El foi un dos principais defensores dos Penedos e tamén un dos que máis traballou para dalos a coñecer.

Durante o percorrido contarán coa presenza do prestixioso historiador Xosé María Lema Suárez que nos irá ilustrando coa historia deste fermoso paraxe. Será unha ruta de 16 quilómetros nos que se visitará os principais puntos de interese dos Penedos:

  • Zona da canteira e a Cachucha, onde se atopan o Barco, a Cachucha, o Cantante, a Multiforme,…entre outras.
  • Zona da Pedra Forcada, onde ademais do citado penedo se atopan a fermosa Dama, o Oso e a Tartaruga.
  • Torre da Moa, dende onde poderemos contemplar unha fermosa vista panorámica da praia e lagoa de Traba e do resto da costa.

Despois a ruta seguirá en dirección a Traba onde visitarán o adro da igrexa. Está previsto tomar un descanso para comer no merendeiro de Boaño e despois facer o último tramo da ruta que os levará á praia de Soesto. Dende aí collerase o autobús para volver a Pasarela.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).