Luns. 06.05.2024
El tiempo

Sendeirismo por aquí e acolá

Sendeirismo por aquí e acolá

Nova fin de semana na que o sendeirismo será o protagonista. Desta volta, non só pola nosa bisbarra, senón que os amantes da natureza tamén preparan excursións para disfrutar do pracer das Andainas.

Imos repasando cada cita, con dúas citas para esta fin de semana e outras dúas para o sábado 22, destacando a proposta dende os Concellos de Vimianzo e Ponteceso, que ofrecen 52 prazas para unha inesquecible viaxe ao Xurés.

4ª Etapa do Camiño dos Faros: Laxe-Arou

O Camino dos Faros afronta a 4 etapa

O domingo 16 de xuño, os trasnos guiaránnos pola cuarta etapa do fermoso Camiño dos Faros, esa ruta que percorre o litoral costeiro entre Malpica e Fisterra, sen axudas nin subvencións, co obxectivo de vertebrar a Costa da Morte a través do sendeirismo.

Esta 4ª etapa discorre entre Laxe e Arou, e a quedada para saír será en Arou, ás 9:00h da Praza do centro, á beira do Café Bar Galicia, para dende aí coller o autobús que cede xentilmente a xente de Autocares J. Pombo. Serán un total de 17 km, para rematar sobre as 19:00-20:00h, e coma sempre, cómpre ir ben equipado con comida e auga.

A ruta partirá de Laxe para subir ao Faro da Insua. Furna da Espuma e Praia dos Cristiais, antes de deixar Laxe e chegar á praia de Soesto. Atentos que haberá parada para ver as aves da Lagoa de Traba, así que se teñen prismáticos, non dubiden en levalos. Desde Mordomo a viaxe continúa polo mundo de "liliput", coas incribles rochas que nos levan ata Camelle. A ver o estado ruinoso do Museo de Man e de aí a Arou.

Ruta ceense polo Pindo

A Delegación de Presidencia, Benestar social, Igualdade e Centro social de Cee, coa colaboración da Deputación, organiza para o sábado 15 de xuño roteiro de sendeirsmo Monte Pindo.
A Saída será ás 9.00h da estación de bus de Cee, e poderase subir ata a Moa dende o Fieiro (dificultade baixa) ou dende o Pindo(dificultade media). Xa poden inscribirse no Centro Social de Cee.

Ruta polo Pindo coa CTNL

Ruta polo Pindo coa CTNL

Ademais, para o sábado 22 de xuño, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, para botar a lingua de fóra, artellan unha subida ao Monte Pindo. A saída será ás 10:30h da Capela do Pindo e xa se pode un inscribir en [email protected] ata o 18 de xuño.

Andainas por Galicia

Andaina para conecer Galicia dende os Concellos de Ponteceso e Vimianzo

Os concellos de Vimianzo e Ponteceso deseñan unha completa fin de semana para os días 22 e 23 de xuño, polo Parque Natural da Baixa Limia, na Serra do Xurés, en Ourense, para os amantes da natureza e do sendeirismo. Fin de semana completo, con durmida no albergue O Corgo, no concello de Muiños, sendo a cota de inscrición é de 50 € (a pagar no momento da inscrición) e nela está incluída as visitas guiadas, o aloxamento en réxime de pensión completa (agás a comida do sábado que a debedes levar) e o transporte. O número de prazas será de 52 (26 para Ponteceso e 26 para Vimianzo) e o mínimo de inscritos debe ser de 30.

E ben que merece a pena pois a saída é fantástica, mesturando visitas culturais con andainas de gran interese.O programa inclúe visitas guiadas ó Aquis Querquennis (campamento romano do s.I), á Igrexa Visigoda de Santa Comba de Bande, do s. VII (unha das máis importantes de Galicia), ou o forno comunitario de Tourem (Portugal), de 1868. Así, o sábado tocan 3 andainas curtiñas:

  • Ruta dos muíños do río Vilameá (1,6 km). Neste curto espazo concéntranse un total de 12 muíños e unha ponte medieval.
  • Ruta de Pitoes das Junias (Portugal, 4,5 km) onde poderemos contemplar a fermosa fervenza de Pitoes e as ruínas dun fermoso mosteiro do s. XII.
  • Ruta de Corga da Frecha (Lobios, 4,5 km). Nesta andaina poderemos visitar unha das fervenzas máis altas de Galicia, cunha caída total de 200 m. e os restos dunha mansión romana, onde se poden apreciar o sistema de calefaccións da época.
imaxe da espectacular Fervenza da Corga da Frecha

O domingo toca a andaina máis longa:

  • Ruta de Padrendo (Lobios, 11 km) unha bonita, aínda que exixente andaina, na que poderemos ver muíños restaurados, antigas bodegas escavadas na montaña, fermosas vistas panorámicas e outras sorpresas.

Está previsto chegar de volta á Costa sobre as 20:00 h. do domingo. E xa podedes descargar toda a información no folleto informativo e inscribirse nos dous concellos antes do mércores 19 de xuño.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios