Apolinar Varela presenta en Buño os resultados do proxecto de inclusión a través do deporte
Este venres 6 de decembro, ás 12:00 horas, o Centro de Artesanía e Tradición (CAT) de Buño acollerá unha conferencia de Apolinar Varela, veciño da vila oleira e licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e doutor en Ciencias da Educación pola Universidade da Coruña. O acto, organizado pola Asociación O Quinteiro, está dirixido a sensibilizar á comunidade sobre o papel fundamental do deporte na inclusión das persoas con discapacidade intelectual.
Durante a conferencia, Varela presentará os resultados da investigación titulada “El deporte como herramienta de bienestar e inclusión de personas con discapacidad intelectual. Un estudio sobre el proyecto Más Que Tenis”, promovida pola Fundación Rafa Nadal e financiada polo Banco Santander. Este estudo destaca como o deporte adaptado pode mellorar a calidade de vida e favorecer a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual.
Na segunda parte do evento, o autor dará a coñecer o seu libro “Derribando barreras. Inclusión de personas con discapacidad intelectual a través del deporte y la actividad física”, unha obra que analiza o impacto do deporte na inclusión social desde unha perspectiva académica e práctica. Durante a súa intervención, explicará o proceso de elaboración do libro e compartirá algúns dos seus puntos máis destacados.
Este evento está aberto ao público en xeral e dirixido especialmente a profesionais da educación, terapeutas, asociacións relacionadas coa discapacidade, familias e todas aquelas persoas interesadas no tema.