![envellecemento-activo-malpica]()
Na nova edición participan 50 veciños e veciñas do concello de Malpica
50 veciños e veciñas - repartidos entre Malpica e Buño - participan nunha nova edición do programa de envellecemento activo posto en marcha pola concellería de Servizos Sociais e impartido pola empresa Máis Porvir. Unha das novidades deste ano é que se amplía a oferta de actividades ao aire libre, incluíndo, por exemplo, xogos populares ou unha ruta de sendeirismo ata a ermida do Santo Hadrián.
Os detalles do programa que se desenvolverá durante máis dun mes déronos a coñecer a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño. Tamén asistiron aos actos de apertura o concelleiro Miguel
Fernández e o alcalde, Eduardo Parga, que convidou aos participantes a desfrutar das actividades programadas e aproveitar para aprender cousas novas, xa que tamén están previstos talleres como o de decoración de vidro. A concellería de Servizos Sociais de Malpica aposta un ano máis por una actividade que potencia a autonomía persoal das persoas maiores, favorece a súa socialización e fomenta a súa participación social.
Datas
As actividades desenvolveranse ata o 21 de xuño todos os martes e xoves, na casa do Oleiro de Buño de 16.00 a 18.00 horas e no Centro Cívico de Malpica de 18.15 a 20.15. As persoas participantes traballarán a estimulación cognitiva e a psicomotricidade a
través de actividades coma musicoterapia, pilates, xogos de palabras, sendeirismo, decoración de vidro, xogos ao aire libre ou termalismo, que é unha das propostas que goza de maior aceptación. O programa rematará cunha festa de clausura e a entrega
de diplomas.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Malpica