As Letras Eróticas tamén homenaxean a Paco Souto


Menuda fin de semana de emocións a que vivíu Malpica. Despois da apertura do programa “Crónicas de Malpica”, lanzando a petición de que o Centro Cívico pase a chamarse “Paco Souto”, o mundo cultural de Bergantiños disfrutou de 3 días completos de poesía. De poesía fundamentalmente erótica, no que foi o punto cumio do único certame galego desta temática singular.
O sábado tivo lugar a famosa Cea das Letras, na que se fixo entrega do premio do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas do ano pasado, e se anunciou o fallo deste curso, da 12ª edición.
A Cea das Letras celebrouse na Casa da Cultura de Seaia, e tivo unha agradable acollida por parte de todos os que querían aproveitar para render homenaxe ao percebeiro-poeta.
O momento máis esperado foi o fallo do xurado, que por terceira vez na historia do Certame, decantouse por unha obra a dúas voces. “Diáspora de amor balea”, de Andrea Nunes Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984), foi o poemario escollido polo xurado, para recibir os 1.000€ do premio e a publicación do libro. O xurado escolleuno “pola riqueza e fondura da súa expresión metafórica, que permite construír un libro de poesía amorosa cunha marcada e explícita vontade erótica”. “Trátase dun espistolario a dúas voces nas que a forza do erotismo está na distancia física entre as voces. É un erotismo imaxinado, cálido, tenro, construído desde a memoria dos corpos e, á vez, na fertilidade da imaxinación. As dúas voces que falan no libro flutúan entre a mímese e a diferenza e dialogan a cada poema con fluidez e personalidade”.
Recolleu o premio María Rosendo, pola súa banda, realizou estudos de filoloxía inglesa e educación social. No ano 2010 obtivo o Premio Pérez Parallé co libro Nómade.
Non puido estar Andrea Nunes, de viaxe por China. Esta licenciada en filoloxía hispánica pola USC é unha das autoras máis recoñecidas das novas xeracións da poesía galega. Publicou Corrente do esquecemento (2007) e Todas as mulleres que fun (2011), ademais de diversas obras colectivas das que destaca a recente “13 antoloxía da poesía galega próxima”, publicada por Chan da Pólvora e coordinada por Chus Nogueira. Andrea Nunes, que desde hai algúns anos vive en Nanjing (China), onde traballa como profesora de español, é tamén unha coñecida activista política e feminista.
O galador do ano pasado

Durante a Cea tamén se fixo entrega do premio correspondente á edición anterior a Xabier Queipo, nun acto presidido pola concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, e o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Paco de Tano, e no que estivo moi presente a memoria do que foi secretario da entidade, Paco Souto. Todos os asistentes foron agasallados con cadanseu exemplar de “O home invisíbel”, un novo título para a colección Caldeirón.
Novas relacionadas
- Novembro 17: Unha Crónica polo Centro Cívico “Paco Souto”.
- Outubro 17: 21 obras de poesía erótica para homenaxear a Paco Souto.
- Outubro 17: O mundo artístico recorda a Paco Souto nunha homenaxe que terá lugar no teatro Colón.
- Agosto 17: Unha balea lugrisiana en homenaxe a Paco Souto.
- Xuño 17: O mundo cultural de Bergantiños lembrou a Paco Souto.
- Maio 17: O XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas chega en homenaxe a Paco Souto.
- Miro Villar: Paco Souto. In Memoriam.
- Marzo 2017: Falece Paco Souto mentras mariscaba en Razo:
- 2016: Xavier Queipo, gañador do XI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.