“As rutas de tapas dánlle moita vida ao pobo”



Ruta tras ruta, vila tras vila, as rutas de tapas nunca fallan na Costa da Morte. A última tivo lugar esta fin de semana co “Malpica sabe a mar”. Unha cita para abrir o outono, e que serve para “darlle moita vida ao pobo”, como aseguraba unha das participantes ao peche desta terceira edición.
O áis importante é que o sector hostaleiro valore positivamente a acción, e así parece trala proposta ao Concello de repetir en inverno.
Foron servidas preto de 4.000 tapas, xa que ese foi o número de boletos impresos, nos 10 establecimentos participantes, que demostran que este modelo funciona.
Os clientes dos locais puideron degustar arroz con ameixas, tosta de polbo e queixo, chipiróns recheos, mexillóns, polbo con fabas, ameixas con fabas, arroz con calamares, zamburiñas en distintas preparacións, salpicón, caldeirada de raia... entre outras tapas, por só 1,5 euros.
A iniciativa complétase coa promoción da Olería de Buño, ao utilizar pratos de barro. E un terceiro aspecto que contribúe ao éxito son os premios: botellas de viño, bolsas da compra pregables e reutilizables, toallas para a praia, queixos, tapas... Este ano repartíronse máis de 800 premios.