Martes. 19.03.2024
El tiempo

Así son as normas que vai impoñer Portos para a pesca recreativa nos peiraos e así é a proposta da Confraría de Malpica

Pescando luras unha noite calquera no peirao de Laxe
Así son as normas que vai impoñer Portos para a pesca recreativa nos peiraos e así é a proposta da Confraría de Malpica

Aló por decembro manifestábanse en Malpica e en Laxe ante a inxustificada criminalización nalgún medio de comunicación. Unha situación que parece orquestada unha vez que a Xunta, despois de sacar dos peiraos aos pescadores recreativos, parece que poñen en marcha, agora, unha norma para autorizar a súa presencia.

De feito, onte, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, recibiu representantes de diferentes entidades relacionadas coa pesca recreativa “co fin de coordinar con estes colectivos as modificacións necesarias para autorizar a práctica desta actividade nos peiraos de titularidade autonómica con seguridade e compatibilidade cos usos profesionais”.

A proposta de Portos de Galicia establece como condición as “garantías de seguridade das instalacións e os usuarios así como a compatibilidade coa normal actividade e operativa portuaria e as necesidades dos sectores profesionais que utilizan os peiraos”. Ademais recolle a categorización dos portos en tres niveis en función da posibilidade de integrar esta actividade: portos nos que se podería pescar libremente; portos con restricións e portos nos que non estará autorizada a pesca deportiva.

Outro dos requisitos será a ”obrigatoriedade de facer un seguro con cobertura aos danos persoais e a terceiros”. Pero tamén fai referencia á necesidade de realizar unha “reserva do solo”, e facer unha correcta “xestión dos residuos xerados e uso axeitado de aparcadoiros e outras instalacións portuarias”.

En vindeiras reunións intentarán chegar a un consenso.

Reacción dos pescadores

Emilio Cambre, un dos voceiros dos pescadores durante as manifestacións do pasado decembro, valora que “se ben se está retrasando bastante os movementos, esto era de esperar”. Recoñece que “temos que ser conscientes de que son instalacións nas que a xente vai traballar, e nós imos de lecer, e temos que convivir”. Pero apunta que “o que nos preocupa é onde si e onde non, porque parécenos que o debate vai escapar de se molestamos ou non, e van entrar outros intereseses”.

En todo caso, quere esperar. “Non queremos poñer o carro diante dos bois. teremos que esperar aos acordos, e a través da AGADAPER e as Federación de Casting e de Pesca Marítima para que miren polo tema. Esperemos que para a primavera xa está todo ordenado”.

Proposta da Confraría de Malpica

Dende a Confraría de Malpica, Fran Varela considera que “é un primeiro paso importante para mellorar a xestión e organización portuaria. Dende a Confraría nós trasladamos a Portos unha proposta para poder compatibilizar a actividade económica portuaria, xunto coa de lecer e que tamén o pobo de Malpica poidese aproveitar os espazos portuarios”.

A primeira delas foi “reorganizar os espacios portuarios, creando principalmente arredor da lonxa unha sinalización viaria e pintado de liñas amarelas así como zonas de carga e descarga, que axudarían a incrementar a actividade e facilitar enormemente as labores ós compradores e afiliados. Nas campañas do ourizo, congro e polbo, principalmente, contar con prazas de carga e descarga a pé de lonxa axilizaría todos os procesos e temos incluso compradores que non poden asistir á subasta pola dificultade que se atopan nas épocas estivais para ter mobilidade no porto, xa que se atopa bastante masificado de vehículos. Estamos falando que ao mellor no caso do ourizo por exemplo, un só comprador ten que cargar 1.500 quilos en capachos de 20 quilos e ás veces atopábase con vehículos que impedían facer de forma sinxela as labores, tendo que arrastrar varios metros a mercancía e sendo un produto tan delicado, ó final pode afectar incluso a súa comercialización. Todo é unha cadea na que manter as condicións óptimas e axilizar os procesos redundará en maiores prezos para as embarcacións e na poxa da lonxa”, explica Varela.

”Tamén por iso apostamos por regular o tráfico interior, restrinxindo o paso á zona portuaria de vehículos mediante un horario de luns a venres e que podería abrirse os fins de semana a tempo completo, pero levando un rexistro a propia Confraría a cal outorgaría as pertinentes autorizacións de entrada. A maiores, delimitaríanse aparcamentos para persoas con diversidade funcional e que estean próximos ás zonas designadas para a pesca de lecer, así como aberto a peatóns para que podan dar pequenos paseos sen interferir coa principal actividade económica do porto”.

En canto á pesca de lecer, “designáronse uns espazos xa que a carón da fábrica de xeo ás veces era complicado que as embarcacións fixeran manobras para acopiarse de xeo ou incluso descargar o peixe, xa que nesa zona se practicaba moito a pesca deportiva, polo que entendemos que mellor era designar toda a zona da punta das obras como apta para tirar a cana. Temos comprobado algunha noite co sector do cerco estaba a explanada ateigada de autocaravanas ou vehículos que impedían cargar o peixe nos tráilers e retrasando operacións, co cal é moi importante darlle prioridade ó uso principal dos portos, que é a pesca profesional e despois regular os demais procesos para permitir tanto a pesca de lecer como o aproveitamento para as persoas dos espazos públicos”, explican.

De todas formas, dende o pósito “estamos á espera das decisións que se tomen dende as Administracións, pero dende a Confraría axudamos en todo o posible para poder facer compatible ambas actividades e esperamos que teñan en conta as nosas propostas xa que como coñecedores e usuarios principais e diarios das instalacións, entendemos que podemos realizar unhas propostas que de verdade nos beneficiarán a todo o conxunto da sociedade e incluso permitirá que Malpica siga medrando como porto como así demostran as últimas decisións levadas a cabo pola Confraría e que supuxeron a súa mellora e viabilidade económica”.

Novas relacionadas

Comentarios