A Confraría de Malpica acolle un novo “Curso do Botiquín” ante o atasco dos ISM
A Confraría de Pescadores de Malpica dará inicio en breve aos cursos de Formación Sanitaria Específica de Nivel Inicial, máis coñecido como “curso do botiquín”, tan necesario e demandado polo sector debido a saturación que sofren nos últimos tempos os Institutos Socias da Mariña, na que a escaseza de persoal e o recorte continuo das formacións entre outros, provocan que o sector sofra importantes contratempos para ter ao día os requisitos que solicitan dende as Administracións para poder exercer a súa profesión.
De feito, dende o pósito explican que hai casos de persoas que levan anotadas máis dun ano á espera e non foron chamadas, destacando que se dito curso non se renova en prazo, a Administración obriga a realizar o curso completo perdendo 4 días de traballo cando no curso de actualización é só de 1 día completo.
A maiores, a pesar de que o persoal que imparte ditos cursos provén de empresas externas, tampouco é posible realizar unha adaptación de horarios de cara ao sector ao non ser posibles realizalos de forma intensiva durante as fins de semana, nin tampouco está contemplado poder validar a parte teórica realizada de xeito online e rematar o curso coa parte práctica de forma presencial. Todo isto en pleno 2021, onde a propia Administración obriga ao cidadán a tramitar todo de xeito online e dende a súa propia casa, tal e como leva sucedendo dende a pandemia, onde o sector só tivo o apoio das Confrarías xa que o resto de institucións pecharon, a atención telefónica era nula ou estaba saturada e aínda as sedes electrónicas non funcionan o ben que deberían.
Inciden dende a Confraría de Malpica en que levan realizado varias peticións para que confíen no seu bo facer, onde se ofrecen a realizar a organización, xestión documental e posta a disposición de todo o material necesario, tendo tan só o ISM que contratar o persoal docente e outorgar o material sanitario necesario para realizar ditos cursos.
Temen tamén o recente caso do ISM de Corcubión, que se vaian pechando as distintas oficinas costeiras do ISM e se acabe privatizando un servizo tan necesario nos pobos costeiros e que serve de apoio tanto ao sector marítimo en activo coma ao xubilado e provocando que a xente se teña que desprazar a Coruña realizar xestións que incrementan os gastos ou un serio contratempo no caso das persoas de idade avanzada. Iso significa acelerar o despoboamento das zonas costeiras e rurais, cousa que dende o pósito non poden permitir xa que queren facer de Malpica un lugar onde o mar teña futuro e sexa o eixo principal de desenvolvemento do pobo.
Por último, agradecen ao Departamento de Cultura do Concello de Malpica o préstamo de material para levar a cabo dito curso e asimesmo, anima a que todo cidadán ou profesional do mar, faga valer os seus dereitos mediante as follas de queixas e reclamacións que existen en ditos organismos, xa que a contestación do propio ISM de cara as queixas formuladas polas Confrarías galegas, foi literalmente “non nos constan reclamacións de ningún tipo presentadas por parte dos usuarios de ditos servizos”. Isto leva a pensar que o único que se pretende é rematar cuns servizos públicos de calidade ao igual que leva pasando anos coa Sanidade Pública en xeral.