Venres. 26.04.2024
El tiempo

As demandas do sector pesqueiro que a Confraría de Malpica lle trasladou ao Goberno Central

No porto de Malpica
As demandas do sector pesqueiro que a Confraría de Malpica lle trasladou ao Goberno Central
O delegado do goberno en Galicia, José Miñones, visitaba onte Malpica. Malia non ter competencias no mar, o goberno municipal e a confraría trasladáronlle as principais demandas do sector pesqueiro.

Foi Fran Varela como membro da Confraría o que primeiramente explicou a importancia do sector na vila: o pósito conta con 232 afiliados e xera de forma directa e indirecta preto de 1.000 postos de traballo no pobo, o que representa un 20% da poboación total de Malpica.

José Miñones escoitou e amosou a súa vontade de funcionar como “ligazón entre a Administración central e o Concello para que este poida dar solución a estas problemáticas do xeito máis rápido posible”.

Visita institucional a malpica

Cotas

Como xa nos contaran, as cotas impostas pola UE son un dos problemas máis grandes cos que se atopa o sector neste momento. Nese sentido consideran que se deben mellorar os cupos, e mesmo invitarían campañas de observadores científicos a bordo das embarcacións de artes menores para establecer medidas acordes coa pesca artesanal. Consideran ademais importante poder compartir esta cota entre embarcacións pequenas, ofrecéndose voluntarios para realizar un proxecto piloto que demostre a responsabilidade dos pescadores.

Neste sentido, a idea básica sería reformular ma UE o que significa pesca artesanal (o límite está posto en 15 metros de eslora), xa que a día de hoxe moitas das embarcacións da volanta, cerco, palangre… son considerados pesca industrial.

Vixilancia a bordo

Sobre o Novo Regulamento de Control que obrigará aos patróns a instalar cámaras a bordo e GPS, consideran que facer públicas as xeolocalizacións atentará contra a libre competencia, polo que se facilitan datos dos caladoiros ao resto de embarcacións incluso doutros países, como acontece co bonito.

Seguridade no porto

Concello e Confraría lembraron a problemática existente na dársena de Malpica coas correntes de auga e o perigo que supón para os traballadores. Nunha visita que o levou por diversos recunchos da vila, José Miñones comprobou en primeira persoa a necesidade de buscarlle unha solución para a boca de entrada do porto.

Unha das posibles vías que se estiman é a ampliación do actual dique, se ben se trata dun recurso “custoso, pero que traería moitísimo beneficio económico a Malpica, un sitio estratéxico a nivel mariñeiro”, segundo expuxo o alcalde, Walter Pardo, que apelou aos fondos Next Generation.

Logo de pasear pola zona do porto, desprazáronse á zona da atalaia, dende onde o alcalde lle trasladou ao Delegado a necesidade de crear unha senda na contorna coa que “aproveitar as marabillosas vistas que nos ofrece este espazo de cara o Atlántico”.

Eólicos mariños

Dende as Confrarías e as súas Federacións, consideran “unha aberración a iniciativa xurdida do MITECO para a instalación de enerxía eólica nos principais caladoiros de pesca galegos”. No caso de Malpica, prevese a instalación preto da zona dos baixos de Baldaio, “unha das de maior riqueza ao ser paso de especies migratorias e zona de cría de diferentes especies”.
Por iso, consideran “obsceno que nas fases de avaliación os únicos riscos previstos para a pesca sexan a busca de novos caladoiros, cando a súa instalación significaría a destrución total da pesca artesanal e polo tanto rematar coas vilas costeiras da Costa da Morte en xeral”.

Emprego

Solicitaron tamén a atención á nave das redeiras (mellora, construción dunha aula de formación, habilitar unha zona de aseo/ducha e un espazo de reunión e descanso), así como axudas para facer un novo curso de redeiras.

Arte na vila

Ante a creación dun primeiro mural nun edificio na zona da praia, o pósito tamén invita a continuar coa humanización da vila a base de graffitis. Apostan pola creación dun museo na Casa dos Pescador.

Mural en Malpica
Mural realizado recentemente na zona da praia

Situación do polígono industrial

De xeito previo á chegada do Delegado do Goberno en Galicia, a xerente de SEA, Beatriz Sestayo explicou as novas medidas do ente público para impulsar o polígono indusrtial de Buño.

 

Novas relacionadas

Novas sobre o mar

Comentarios