Malpica celebra o 85º aniversario da chegada das Misións Pedagóxicas


Pero o programa de actividades deseñado polo departamento que dirixe Noelia Freijeiro en colaboración coa A.C. Malante, a A VV San Antonio e A Tropa dos Pardo, do que xa tivemos un anticipo durante o verán co Retablo de Fantoches Rafael Dieste, será máis amplo.
A partir deste luns 15 e ata o 31 deste mes estará aberta no espazo expositivo do Centro Cívico a mostra fotográfica As Misións Pedagóxicas en Malpica, e durante eses mesmos días todos os veciños e veciñas que dispoñan de fotografías daquela época poden achegalas ao Departamento de Educación, Cultura e Turismo para proceder á súa dixitalización e incorporalas á exposición. As persoas que colaboren recibirán un CD con todas as imaxes recompiladas.
O día 21, como hai 85 anos, as Misións Pedagóxicas chegarán a Malpica. Ás 18 horas, na Praza de Anselmo Villar Amigo (fronte á Casa da Santa), a Cía. Pérez&Fernández representará O poder de Amabel, un espectáculo para todos os públicos recomendado para nenos e nenas a partir de 5 anos no que veremos actores e monicreques Amigurimis. O elenco está formado por Victoria Pérez e Manu Fernández (Milucho en Libro de Familia).
A Praza de Anselmo Villar Amigo será tamén o escenario, a partir das 19.00 horas, dun magosto popular no que contaremos coa música de A Tropa dos Pardo e Cantareiras da A.C. Malante, ademais de cantos de taberna, e no que, como non podía ser doutro xeito, haberá castañas, pero tamén viño, licor café e chocolate. Todo de balde agás as cuncas, que se venderán a 2 euros e que permitirán recuncar tantas veces como se queira ata esgotar existencias.
A xornada completarase cun Concurso de disfraces de época, con premios para a mellor caracterización dos anos 1920-1930. Haberá unha categoría infantil (ata 12 anos) e outra absoluta, e o xurado será popular. O primeiro premio na categoría infantil consistirá en trofeo e cesta infantil, e na absoluta, en trofeo e cesta de produtos de tempada.