Venres. 29.03.2024
El tiempo

Malpica chama aos hostaleiros para apuntarse á II Ruta de Tapas Malpica Sabe a mar

Malpica chama aos hostaleiros para apuntarse á II Ruta de Tapas Malpica Sabe a mar
Malpica sabe a mar Imaxe da primeira edición da ruta de tapas Malpica sabe a mar

Non fallan as citas gastronómicas - temáticas na zona. Cada vez que se arma unha ruta de tapas ou pinchos, veciños, visitantes e hostaleiros fúndense nunha rica aperta. Téñeno claro en Malpica, e despois do éxito do ano pasado, que volven convocar a II edición da Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar. Foron nada menos que 2.000 tapas as vendidas o ano pasado, e este ano queren superalas.

Así, a Concellaría de Promoción Económica de Malpica fai un novo convite á hostalería local para inscribirse nesta iniciativa que naceu para impulsar o turismo enogastronómico e poñer en valor as tradicións pesqueira e oleira do noso concello.

A concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, mantivo un primeiro encontro co sector no que a práctica totalidade dos hostaleiros e hostaleiras que participaron na anterior edición expresaron a súa intención de repetir. De todos os xeitos, o prazo de inscrición abre oficialmente a partir do luns 22 de maio e ata o 15 de xuño. Para facilitar a participación dos locais ponse á súa disposición o enderezo de correo electrónico [email protected], aínda que os interesados e interesadas tamén poden dirixirse ao Centro Cívico (departamento de Educación, Cultura e Turismo) ou á Casa do Oleiro (oficina de Promoción Económica).

Segundo a proposta dos participantes na primeira xuntanza, a segunda edición da ruta celebrarase do 22 ao 24 de setembro. Malpica sabe a Mar diferénciase doutras iniciativas semellantes porque inclúe os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permite, por unha banda, poñer en valor o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que inclúe a ruta é a olería, xa que para a ocasión volverán a elaborarse pratos artesanais que se repartirían entre os establecementos participantes.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Malpica.

Comentarios