mércores. 07.05.2025
El tiempo

Malpica é o protagonista do novo libro de Héctor Pose

Malpica é o protagonista do novo libro de Héctor Pose
mar-invernia-hector-pose Héctor Pose - mestre universitario e escritor malpicán - presentou onte o seu novo libro "Mar de Invernía" no Casino de Carballo. O texto que o autor encadra nunha “realidade ficcionada” fai alusión, xa dende o seu título, a un estado de ánimo de desesperanza e desacougo parello ás persistentes malas condicións climatolóxicas que se dan, acotío, na Costa da Morte durante os meses de inverno. O libro, editado polo proxecto Phottic.com e presentado polo polifacético Xurxo Souto, conta co apoio das imaxes cedidas polo recoñecido fotógrafo lucense Carlos Valcárcel Gay e do carballés Gervasio Varela, "Mar de Invernía" busca unha excusa para urdir a novela e dotala de coherencia: os 21 días anteriores á morte do avó e padriño do autor, que se revela coma un referente vital para o escritor. A través das súas páxinas Pose translada ao lector á Malpica da súa infancia e nese escenario conta o transcorrer do día a día dos seus habitantes nun ir e vir do tempo: o avó lastrado pola enfermidade, a vida dunha viúva tronzada polo infortunio no mar, a emigración forzosa dun mozo, unha voda en medio dunha nevarada histórica, o labor de notario da cotianeidade dun fotógrafo ou as reflexións descarnadas dun profesional da sociocultura. Fotos O libro apóiase nas imaxes de dous fotógrafos: Carlos Valcárcel Gay, fundamentalmente, e Gervasio Varela Calvo, fillo doutro célebre fotógrafo bergantiñán. As imaxes de Carlos Valcárcel aparecen intervidas polas cores da memoria de cada quen: a cor sepia, a azul ou a verde cobalto do mar. Esas fotos foron tomadas no verán de 1974 e coinciden coa infancia de Héctor Pose. As de Gervasio Varela correspóndense coa nevarada do 2 de febreiro de 1963 fenómeno pouco corrente á beira do mar. Estas tres últimas instantáneas dun mesmo día, son a base das historias que tece Pose sobre da tía Carme, Hilario e Flora. Tres persoaxes marcados por un fito diferente ese día, tres historias distintas e alleas na mesma paisaxe.

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)

Comentarios