Malpica foi o epicentro da defensa das Letras Galegas

Acolleu este sábado 17 de maio o Centro Cívico de Malpica un dos eventos máis importantes do ano arredor da nosa lingua: o pleno da Real Academia Galega polo Día das Letras Galegas adicado ás cantareiras e da poesía popular oral. Unha xornada na que as protagonistas foron as Pandeireteiras de Mens, as cercedenses Rosa e Adolfina Casás Rama, e a muxiá Eva Castiñeira. Pero tamén todas esas “mulleres anónimas que non se daban importancia que nos deixaron todo este legado que por fin teñen o seu recoñecemento”.
Así comezaban a sesión as Tanxugueiras, acompañadas unicamente das súas pandeiretas, e facendo unha defensa máxima da nosa lingua e do noso máis puro patrimonio oral.
A xa comezara nas Torres de Mens, onde se realizara o acto oficial conmemorativo organizado pola Xunta no que rueda xa deixou clara a postura do goberno popular con respecto á lingua, avogando polo “gran pacto baseado no acordo e non na imposición”.
Xa de volta no Centro Cívico, e recibido o público e as autoridades polas as cantareiras da Asociación Carcaxía de Malpica, abría a sesión o novo presidente da RAG, o muradán Henrique Monteagudo que apelou á mocidade e reclamou unha “reformulación a fondo da política lingüística que poña a infancia e a mocidade no centro”, con “mensaxes de entusiasmo, acompañadas de compromisos tanxibles”.
“As Letras deste ano celebran o pasado e miran para o futuro. O tradicional é moderno”, resaltou de seguido a académica Ana Boullón, gabando a toda a xente de Bergantiños e o resto da Costa da Morte, “orgullosa da nosa fala, que a conservou e transmite contra vento e marea”.

Unha das intervencións máis esperadas foi as de Antón Santamarina, o coautor do Cancioneiro Popular Galego xunto á etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth. Tirou de 80 anos de memoria persoal, primeiro como cativo da Fonsagrada que mamou as cantigas e logo como compilador e estudoso da poesía popular oral. “O meu tío avó facía cantares mentres zoqueaba, o tío Enrique facíaos onde cadraba. O cantigueiro era como un espello da vida campesiña; unha vida que hoxe xa non existe máis que no recordo de vellos coma min”, evocou. “Pero o certo é que a nosa resistencia á asimilación foi grande. Agora xa non é un fenómeno rural senón urbano, ou máis urbano que rural, pero a tradición segue aínda que sexa doutro xeito. Vivimos un rexurdimento sen precedentes que veu para quedarse”, asegura.
Compartiu tamén lembranzas dos primeiros anos de vida arredor das coplas o profesor Xesús Alonso Montero. “Non descubrín a poesía na Universidade Central, fíxeno nas lareiras e nas tabernas do Ribeiro de Miño, na universidade rural e cotiá dos meus anos da adolescencia”, confesou nunha alocución na que defendeu a relevancia artística do cancioneiro da tradición oral, base e inspiración dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a protagonista da primeira celebración do 17 de maio en 1963, no centenario desta obra auroral da literatura galega contemporánea.
Boullón fixo un percorrido dende os tempos de recollida de Frei Sarmiento no s. XVIII, a bandas e persoas referentes como Fuxan os Ventos, Milladoiro, Mercedes Peón, Leilía, Uxía Senlle ou Xabier Díaz, que trasladaron a poesía popular das ruadas nas aldeas aos palcos; a novos nomes como os de Faia, Baiuca, Caamaño&Ameixeiras, Mondra, De Ninghures, Alba María, Lupe Blanco ou Xairo de Herbón; e mais ás agrupacións de música e baile tradicional que se crearon desde a base, desde Aturuxo, da que formaron parte As Vellas de Mens, ata Xacarandaina ou as locais de Raigañas e Carcaxía. “Todos estes colectivos forman unha rede de puntos que desde hai moitos anos constituíron o fermento que agora eclosiona. A poesía popular oral foi a raiceira dun fenómeno que transcende o exclusivamente literario: é musical, etnográfico, folclórico e social”, reflexionou.
Rematou o ex presidente da RAG Víctor F. Freixanes cun discurso moi político, referíndose a Castelao, e criticando a falta de esperanza que provoca a actual política lingüística. Con todo, ”o idioma segue abrollando nas innúmeras iniciativas sociais –especialmente da xente moza– para promovelo, defendelo e difundilo en escolas, pantallas e escenarios, nas rúas e nos medios de comunicación, nos comercios e nas oficinas, nas redes ou nos estadios deportivos”. “O novo impulso para o galego virá dunha reformulación a fondo da política lingüística que poña a infancia e a mocidade no centro. Para desatarmos os nós que atrapallan o galego precisamos mensaxes de entusiasmo, acompañadas de compromisos tanxibles, e sóbrannos retóricas ocas, os acenos reticentes e as accións facareñas”, considerou. “Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”, dixo volvendo novamente a Castelao antes de rematar, con humor, cun dos Cantares de Rosalía: “Non me espliquei cal quixera / que son de esplicansa pouca / se ghrasia en cantar non teño / o amor da patria me afoga”.
Para poñer fin ao acto, a nosa Icía Varela e Xaquín Rama realizaron unha inmensa interpretación do Himno Galego.