Malpica pon en valor a importancia da actividade física

Este pasado venres o Auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu unha charla sobre os beneficios da actividade física na saúde, un evento que reuniu a un público entusiasta e participativo. O encontro centrouse en temas relevantes como a osteoporose, hipertensión, diabetes, obesidade, colesterol, cardiopatías, fibromialxia, menopausa e cancro.
Interviñeron como poñentes destacados Alejandro Mato Rey, graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, e Elena Facal Cean, graduada en Fisioterapia. Ambos expuxeron as evidencias científicas que avalan os efectos positivos da actividade física sobre a saúde, animando aos asistentes a adoptar hábitos activos.
Ademais, os veciños Manu Ferreiro e Fernando compartiron as súas experiencias persoais, (xa coñecimos como Ferreiro loita contra un cancro) expoñendo como a súa calidade de vida se transformou desde que comezaron a asistir ao ximnasio municipal.
A charla foi moderada por María Bardanca, Técnica Deportiva do Concello de Malpica, quen guiou a discusión e fomentou a participación activa do público. O evento contou tamén coa presenza do alcalde Eduardo Parga e da concelleira de Deportes, Noelia Freijeiro, que entregaron un detalle a todos os poñentes como agradecemento pola participación no evento.