Martes. 23.04.2024
El tiempo

Malpica vólcase co Teatro

Malpica vólcase co Teatro
Mostra Teatro de Malpica 2012

O pasado venres daba comezo a VIII Mostra de Teatro de Malpica. Unha Mostra que será a protagonista durante estes dous meses de novembro e decembro, nos que cada venres haberá unha actuación.

Unha Mostra na que colaboran a Asociación Cultural A Feira e a A.C. Raigañas de Cerqueda. Estas son as obras, que se celebran ás 20:30 no Auditorio do Centro Cívico:

Venres 16 de novembro - Teatro Teruca Bouza

"O día da muller embarazada" do Grupo de Teatro Teruca Bouza da S.A.P.G. O Seixo de Mugardos.

As mulleres dunha vila abafadas pola crise económica deciden, e sen o consentimento dos seus homes entrar nos supermercados, coller todo o necesario para subsistir e non pagar nin un euro.
A policía cando está de cheo no rexistro das casas da vila para recuperar as mercadorías roubadas, descobre con grande estupor, que da noite para a mañán as mulleres da vila aparecen embarazadas.
Mulleres de toda as idades, e con moita présa, pasean barrigas de cinco, seis, sete e ata de oito meses. Cando un agudo brigada, estaba a punto de descubrir o fenómeno dos embarazos.

Venres 23 de novembro - Grupo Raigañas Teatro

"Pista ou peste" do Grupo Raigañas Teatro da A. C. Raigañas.

Representación cómica, ambientada no mediados do século XX, que pon de manifesto cousas que poderían pasar en calquera parroquia de calquera bisbarra, pero que vai ter un profundo sentimento na nosa parroquia de Cerqueda.
Conta a historia dun alcalde de barrio que convence ós veciños da parroquia para facer unha pista empregando todo tipo de artimañas na procura dos seus propios intereses.

Venres 30 de novembro - Teatro del Andamio

"A verdadeira historia da cigarra e a formiga" da compañía Teatro del Andamio. Premios no Festival Internacional de Vilnius 2012.

Quen non coñece a historia da cigarra e a formiga? A fábula de sempre: esa, da cigarra vaga e a formiga traballadora.
Pero nós imos contar “A verdadeira historia da cigarra e a formiga” a que empezou unha noite de tormenta que cambiou todo… a que nos descobre a cara descoñecida dos personaxes, onde a música e as cancións transforman o primeiro enfrentamento nunha bonita amizade.

Sábado 8 de nadal - Panamesiana Teatro

"Oh! Que bonito é Panamá" da compañía Panamesiana Teatro. Desta volta ás 20.00 h en clave clown.

Oso pequeno e Tigre pequeno viven na súa cabana do bosque unha vida apacible e tranquila. Oso encárgase de saír pescar ó río e Tigre mata o tempo na casa limpando e preparando a comida. Ata o día no que Oso pequeno pesca unha caixa que pon PANAMÁ e que desprende un delicioso arrecendo a plátanos. O descubrimento fai que os dous protagonistas devezan por coñecer Panamá e, por iso, deciden emprender a viaxe. Pero, por onde se vai a Panamá? Esta é a pregunta que lle formulan aos animais do bosque que van atopando no seu periplo: unha rata, interesada só no seu lixo; unha vaca, que nunca se moveu da súa granxa; unha gansa chorona que vai, ao seu enterro; e unha raposa, que acompaña á gansa ao seu enterro. Ningún deses animais lles serve de axuda, só cando chega un corvo, Oso pequeno e Tigre pequeno descobren, onde esta Panamá! Que, curiosamente, é o mesmo lugar, a mesma cabana e o mesmo río que abandonaron na busca da terra dos seus soños.

Venres 14 de nadal - Teatro do Atlántico

"E.R. (Algún día traballaremos xuntas)" da compañía Teatro do Atlántico.

Na procura de información sobre Encarna Ribera, grandísima actriz e profesora xa desaparecida, unha estudante de Arte Dramática visita a tres veteranas profesionais que na súa xuventude foran discípulas daquela. Cada unha delas posúe a súa verdade sobre E.R.; envexa e rancor transitan xuntamente coa tenrura e o afecto, tinxindo de múltiples matices, unha paleta emocional complexa e conmovedora. O medo ao paso do tempo, ao fracaso, á soidade, ou á morte, son asuntos que pouco a pouco van conformando entre risas e bágoas a biografía íntima de cada unha.

Sábado 15 de nadal - Grupo de Teatro Carrachanacacha

Comendo pimentos de Padrón con Tarantino do Grupo de Teatro Carrachanacacha da A. T. O Aturuxo de Melpómone, ás 20:00h

p>Comedia surrealista que narra a singular vida de dúas mulleres, nai e filla, cos seus encontros e desencontros na peculiar escalada da filla ate a fama en todo o mundo mundial.

Venres 21 de nadal - Manicómicos

Cabaré Manicómico de Creacións Manicómicas da A. C. Manicómicos.

Espectáculo de creación e dirección colectiva froito do traballo desenvolvido durante os últimos anos por diferentes artistas de diferentes disciplinas (novo circo, clown, cabaré, mimo, teatro xestual, improvisación...) artellado como unha sucesión de números en clave de humor en formato de gala con presentador, co único obxectivo de facer rir ó espectador ante a variedade de estímulos que vai recibir.

Sábado 22 de nadal - Escola de Teatro Agarimo

Non toques que é alquilado da Escola de Teatro Agarimo da S.C.R.D Agarimo de Sillobre ás 20:00h

Unha despedida de solteira que se complica...
Un veciño que vén moito de visita...
Outra veciña con moi boa “vontade” para facer favores...
Unhas damas de moi alto copete...
Unhas gogós que non terían que estar...
Uns policías que non poñen orde precisamente...
Todos eles teñen algo en común: farán o posible por conseguir que pasedes unha hora divertida.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Malpica.

Comentarios