Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Malpica volve presentar un completo programa de Entroido feito polas Asociación e para as Parroquias

cartel entroido 2022 Malpica
Malpica volve presentar un completo programa de Entroido feito polas Asociación e para as Parroquias

Xa vimos as primeiras propostas do Entroido malpicán. E hoxe podemos coñecer xa o completo programa artellado dende a Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes de Noelia Freijeiro, que como nos contaba, nace man a man cas asociacións e coa colaboración de Atadoras Mar da Illa.

É un dos puntos máis singulares do entroido de Malpica, pois as activas asociacións teñen preferencia á hora de artellar os eventos, e o Concello completa a programación nos ocos que van quedando libres.

Ao final sae un programa de 10 días, de o 25 de febreiro ata o 6 de marzo con disfraces, campamentos, música e obradoiros, pensado para todas as idades, e desenvolto por todas as parroquias.

Haberá enterros, se ben é máis que probable que a Mikaela retrase a súa celebración para poder volver ser unha gran festa.

Deporte e gastro

As actividades comezarán o venres de Entroido, 25 de febreiro, na parroquia de Malpica, cunha xornada de portas abertas no pavillón polideportivo. Será ás 20:00 horas. Organiza o club Patín Velúa.

O sábado, día 26, dende as 15:00 horas, haberá un percorrido musical polas rúas de Malpica, e na explanada do Travelfit poderá degustarse o cocido de Entroido. Organizan a comisión de festas de Malpica e a asociación cultural Malante. O xantar custará 25 euros para os adultos e 15 para os cativos e as cativas. Asemade, os asistentes participarán no sorteo de varias cestas de Entroido.

Festas de disfraces

Ese mesmo sábado 26 está prevista a celebración de sendas festas de disfraces infantís en Cerqueda e Leiloio. Na primeira parroquia, da man da Raigañas, o encontro será no centro sociocultural das Pozacas de 11:30 a 14:00.
De outro lado, na casa dos veciños de Leiloio e veciños da Pedrosa, Brión e A Raxeira. terá lugar dende as 17:00 ás 20:00, e haberá inchables, chocolatada con doces de Entroido e un desfile infantil de disfraces.

Xa para o domingo de Entroido, as veciñas e os veciños máis pequenos de Malpica poderán participar no desfile de disfraces, que partirá ás 17:30 do centro cívico e percorrerá as rúas da vila ata a Praza Anselmo Villar Amigo. Organiza a asociación cultural Malante.

Á mesma hora a charanga Santa Compaña amenizará a vila e, ás 18:00, comezará polo centro do pobo a xuntanza de comparsas.

Deportes no pavillón

Xa o luns, día 28 de febreiro, o pavillón deportivo de Malpica acollerá un de fútbol sala para todas e todos os maiores de 7 anos. Os interesados poden inscribirse ata o día 24 deste mes no Concello ou chamando ó 981 720 001.
Ese mesmo día, o salón de actos da casa da cultura de Seaia acollerá un campamento infantil destinado a nenas e nenos a partir de 4 anos. A actividade será de 11:00 a 14:30, e os interesados en optar a unha das 16 prazas deberán inscribirse no teléfono 657 919 272. Organiza a asociación cultural e deportiva Carcaxía.
En Buño, tamén o 28, actuará o mago Charlangas, nun espectáculo que se desenvolverá ás 17:00 no pavillón deportivo do colexio Joaquín Rodríguez Otero. Colabora a anpa deste CEIP.

Nen@s e adolescentes

Os días 1 e 2 de marzo, a casa cultural de Seaia continuará ofertando o campamento infantil no mesmo horario. Asemade, para o 1, no polideportivo de Malpica, está prevista unha festa de disfraces con inchables, destinada á rapazada de ata 14 anos, de 17.30 a 19:30. Colabora a anpa Ventorrillo.

Obradoiro de cociña O día 5, sábado de piñata, a vila de Malpica oferta ás nenas e ós nenos de entre 7 e 12 anos, a posibilidade de achegarse á gastronomía de Entroido a través dun obradoiro de cociña no mercado municipal. Será das 17:00 ás 18:30, e os interesados en ocupar unha das 25 prazas posibles deberán apuntarse media hora antes do comezo da actividade no propio lugar.

Domingo de piñata cos

O domingo 6 de marzo é un dos días máis esperados. Dende as 16:00, as rúas de Cerqueda contarán coa presenza dos Madamitos e Ghuardineros, da man da asociación cultural Raigañas.
En Seaia, a charanga Santa Compaña actuará polas rúas ás 16:30 e, a esa mesma hora, partirá o Farruco, dende o restaurante O Esqueiro, cun percorrido organizado pola asociación cultural e deportiva San Xulián, para posteriormente ser enterrado.
En Malpica, as últimas actividades do Entroido comezarán ese domingo ás 17:30 co percorrido pola vila da charanga Santa Compaña. Á mesma hora, desenvolverase o enterro do Faustino, que partirá do Centro Cívico para chegar ó corazón do pobo.

Entroido Malpica 2022 Programa

Novas relacionadas

Comentarios