venres. 09.05.2025
El tiempo

Noites de maxia, e roubos, en Malpica

Noites de maxia, e roubos, en Malpica
O ciclo internacional Malpica Máxica con Carlos Adriano O ciclo internacional Malpica Máxica con Carlos Adriano

Noites especiais estas de verán na vila malpicá. As actividades de rúa enchen de vida o paseo, pero esta fin de semana viuse salpicada por un novo acto de vandalismo, a subtracción dos testos das plantas do Forno do Forte de Buño.
O goberno municipal de Malpica e a xerencia do Ecomuseo Forno do Forte queren expresar a súa condena á subtracción dos testos das plantas que decoraban o exterior do complexo etnográfico. Os testos eran pezas de olería realizadas segundo as formas tradicionais e atopábanse no exterior do edificio practicamente dende a súa apertura ao público, hai xa dez anos. Pero, máis ala do valor material, dende o Concello de Malpica lamentan que sigan a producirse actos de vandalismo que atentan contra os bens públicos, patrimonio de todos os veciños e veciñas.

Noites de risa e maxia

En todo caso, o roubo non impediou que día do Carme fose máxico grazas Carlos Adriano, o mago arxentino que encheu de ilusión e diversión o paseo marítimo de Malpica na tarde, probablemente, máis calorosa do verán. O ciclo internacional Malpica Máxica continúa así a súa andaina polo verán. Despois do galego Mago Noel, o cubano Raúl Camawey e o arxentino Carlos Adriano, facemos unha pausa ata o 12 de agosto, no que regresará a maxia ao paseo cos galegos Dani e Rafa, que ofrecerán varios pases de 10 minutos de duración dende as 17.00 ata as 21.00 horas.

Pero as Noites na Vila non rematan, senón que a semana que vén deixarán paso ao Retablo de Fantoches Rafael Dieste, unha proposta da Concellería de Cultural que por terceiro ano lembrará a estrea de “La doncella guerrera” na vila o 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas.

A primeira representación será o 23 deste mes. Microminia Títeres ofrecerá no paseo marítimo “Vacacións no mar”, un espectáculo de títeres de luva e siluetas apto para todos os públicos. O 6 de agosto será a quenda de Títeres Cachirulo con luvas chinesas e variñas para dar vida a “Alicia no país das marabillas”. E, por último, o 13 de agosto chegará a Tropa de Trapo con “Zona de obras”, no que mesturan contos con música e obxectos de reciclaxe.
Todos os espectáculos serán ás 20.30 horas no paseo marítimo. No caso de choiva trasladaranse ao auditorio do Centro Cívico.

Fonte

  • Concello de Malpica.

Comentarios