Sábado. 15.06.2024
El tiempo

Novas discrepancias entre Concello e Asociación de Oleiros arredor da Mostra de Olería de Buño

Mostra de Oleria de Buno 2022
Imaxe da Mostra de Olería de Buño de 2022
Novas discrepancias entre Concello e Asociación de Oleiros arredor da Mostra de Olería de Buño

Volve haber lío arredor da Mostra de Olería de Buño. A celebración o ano pasado da Mostra de Olería sen oleiros deixou moi tocada a relación entre Concello e a Asociación de Oleiros de Buño. A entidade de profesionais parece decidida a organizar, pola súa conta, a edición deste 2024 entre o 1 e o 4 de agosto, sen que o Concello sexa o organizador.

Así o reflexan hoxe nunha carta enviada ao Concello rexeitando a comisión proposta por Eduardo Parga. O rexedor propuña crear unha comisión organizadora na que el sería o presidente, e na que estaría Alfredo Cañizo, a Concelleira de Cultura Noelia Freijeiro, dous técnicos e tres oleiros.
”A Asociación Oleira de Buño vese na obriga de rexeitar a oferta, pois consideramos que a proposta en cuestión vulnera os dereitos e necesidades da Mostra da Olería e das oleiras e oleiros de Buño. “ feito de que o sr. Alfredo Cañizo Garrido sexa o responsable do maior desastre socioeconómico de todas as edicións da Mostra oleira ata o de agora organizadas, fai que sexa totalmente inadmisible e irrespectuoso que forme parte de calquera organización ou evento que faga referencia a Olería de Buño”, explican nun comunicado os profesionais.

”Cremos que todos debemos dar o brazo a torcer. Nós xa dimos o noso paso. Se é un problema de coordinación e de organización, xa me puxen eu de portavoz. Pero teño un acordo firmado, e esta é a súa área. Sacalo da concellería é como obrigalo a dimitir”, valora Parga en relación á presenza de Cañizo na comisión. “Podo intentar interceder na Concellería para mellorar a comunicación pero creo que non poñen impoñer algo dese calibre”.

Con todo, deixa claro que “se queren facer eles a mostra, que a fagan, nós imos intentar axudar no que poidamos”, deixando claro que o Concello non vai impedilo nin organizar unha paralela.

A subvención

É certo que o Concello vai ter que asinar a renuncia á subvención nominativa de 100.000€ que lles outorga a Deputación (unha axuda na que modificou un artigo polo cal a Deputación non podería subvencionala se non participan os oleiros da vila). “É unha axuda moi antiga, que se mantén polo consenso dos partidos, pero que hoxendía tería reparos de intervención”, explica Parga. “Son tantos cartos porque hai que poñer as casetas, a montaxe, a carpa, a seguridade, as actividades…”

Mentres, a Asociación está movéndose para conseguir subvencións nominativas tanto na Deputación como na Xunta, que serán, en calquera caso, moito máis pequenas.

Lembra o alcalde ademais a posible diferencia sobre a edición da Mostra, pois o ano pasado a Mostra de Olaría (con “a”) sen oleiros, que si foi apoiada pola Deputación, levaba o número XXXIX.

”Lembramos que a Mostra da Oleira de Buño, é un evento que foi creado polas oleiras e oleiros de Buño para a promoción e divulgación da súa artesanía, polo que a súa organización debe ser levada a cabo con moita dedicación e sobretodo con moito respecto”, sentenzan no comunicado a Asociación de Oleiros de Buño.

Máis novas

Comentarios