![Este primeiro concurso de tapas de Malpica nace para impulsar o turismo enogastronomico]()
Este primeiro concurso de tapas de Malpica nace coa finalidade de impulsar o turismo enogastronómico
O tapeo está de moda; así que as concellerías de Promoción Económica e Turismo de Malpica uniron as súas forzas para poñer en marcha unha nova iniciativa que unirá tres sectores fundamentais na economía local: a pesca, a hostalería e a olería. O
1º Concurso de Tapas Malpica sabe a Mar nace, de feito, coa finalidade de impulsar o turismo enogastronómico coincidindo co inicio da temporada de verán, e, por outro lado, de poñer en valor a tradición pesqueira da vila malpicá.
Segundo a proposta presentada pola concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, nun primeiro encontro coa hostalería local, o concurso celebraríase nos primeiros días de xullo, coincidindo con fin de semana, sempre e cando se reúna un número mínimo e suficiente de participantes como para poder deseñar unha ruta.
O peixe, principal ingrediente
Malpica sabe a Mar pretende diferenciarse doutras iniciativas semellantes
incluíndo o peixe como ingrediente de todas as tapas, o que permitirá, por unha banda, poñer en valor o produto local e o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que incluiría a ruta sería a olería, xa que para a ocasión elaboraríanse pratos artesanais que se repartirían entre os establecementos participantes.
O concello de Malpica, tal como explicou a concelleira de Promoción Económica, encargaríase da organización, a promoción e o subministro de material promocional aos locais.
Os interesados en participar poden inscribirse ou solicitar máis información a través do correo electrónico concellodemalpica@gmail.com, chamando ao número de teléfono 610553362 ou no centro Cívico malpicán. O prazo estará aberto durante toda esta semana.
Outras campañas similares
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Malpica