O turismo ornitolóxico das Sisargas, unha tendencia en alza
07:06 22/03/16
Esta Semana Santa realizaranse saídas organizadas para o avistamento de aves nas Sisargas. Imaxe: Benquerenza
Os afeccionados á observación de aves e o ecoturismo terán o vindeiro venres e sábado (25 e 26 de marzo) a oportunidade de achegarse ás illas Sisargas - Malpica de Bergantiños - para vivir unha xornada diferente, onde ademais de admirar a impoñente beleza destas emblemáticas illas, iniciaranse nun novo modo de apreciar e distinguir as aves que habitan e transitan a Costa da Morte, sendo o enclave escollido considerado como un dos maiores santuarios para a avifauna mariña de todo o norte peninsular.
A iniciativa organizada por Benquerenza, veu desbordadas as súas predicións iniciais, ampliando a proposta para o venres 25 de marzo, ante a forte demanda. Con todo, todas as prazas están esgotadas para ambas saídas, namentres os demandantes continúan engrosando a lista de agarda, atentos ás posibles baixas que se puideran suceder a última hora, ao tratarse dunha actividade deseñada para un número de participantes moi reducido.
Dende a organización, consideran un éxito o interese suscitado pola convocatoria, humilde na súa campaña de comunicación, e ideada para un público de perfil naturalista, no entanto difundida con rapidez a través das redes sociais. A pesares da acollida, a organización non contempla a posibilidade de repetir esta experiencia nos próximos meses, en consideración aos períodos reprodutivos das especies que habitan o arquipélago, sendo unha das súas máximas o respecto pola natureza e o desenvolvemento de actividades acordes á sensibilización e a educación ambiental, minimizando calquera tipo de impacto negativo sobre o medio. Amósase, aínda con todo, a tendencia en alza do turismo de natureza, así como o potencial e as posibilidades da comarca para o desenvolvemento doutros produtos turísticos alternativos e sustentables como o orniturismo, xa en crecemento durante os últimos anos noutras rexións da nosa xeografía.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Benquerenza