Venres. 25.09.2020
El tiempo

As obras do porto de Malpica seguen a medias

As obras do porto de Malpica seguen a medias
Seguimos esperando, botándolle paciencia, polas obras de seguridade para o peirao de Malpica, cando xa pasaron 1 ano e 8 meses dende o fatífico accidente no que falecía un mariñeiro.

Pero é que o peirao de Malpica ten moitas máis necesidades, como lembraba hai xa un ano a Confraría, cando xa estamos albiscando un novo inverno. Onte, o alcalde, Walter Pardo, recibía a visita do director de Portos de Galicia, Roi Fernández, e á xefa da Zona Centro de Portos de Galicia, Lorena Solana, e lle trasladaba todas as necesidades pendentes.

Son varias as intervencións que están en marcha, pero Pardo lembrou a necesidade de acometer o apuntalamento dunha parte da dársena e así permitir o acceso de camións de alta tonelaxe. A seguridade no espazo foi outro dos temas que protagonizou o encontro. Cómpre lembrar que durante as obras de mellora da rúa principal houbo que instalar un sistema de camión lanzadera para superar esa parte do paseo.

zona onde Portos non permite o paso de trafico pesado
A zona en vermello non permite o paso de trafico pesado

O alcalde incidiu na necesidade de reparar algúns elementos como, por exemplo, as lastras do firme, unha iniciativa que avaliarán desde Portos de Galicia.

A organización e distribución do aparcadoiro, para que non interfira coas labores da lonxa e do porto, foi outros dos asuntos que saíron a colación. De feito, o rexedor comprometeuse a realizar, xunto coa Confraría de Pescadores, un deseño da circulación do tráfico rodado.

Outro asunto que segue pendente, xa dende hai máis de 2 anos, é a reparación ou cambio do guindastre do porto de Barizo.

O rexedor agradeceu a “boa predisposición” tanto do director de Portos como da xefa da Zona Centro, e agarda que estas intervencións se poidan converter en realidade “canto antes”.

Novas relacionadas

comentarios