Venres. 18.10.2019
El tiempo

Os recortes no ensino deixan torto o CEIP Milladoiro de Malpica

Os recortes no ensino deixan torto o CEIP Milladoiro de Malpica

As consecuencias xa se palpan. A nova normativa relativa a recortes de profesorado e aplicación de novos horarios que vén de implantar a Consellería de Educación xa está facendo mella, case que antes de empezar, aos centros da bisbarra. O primeiro en deixalo patente é o CEIP Milladoiro de Malpica, que sofre a redución de tres docentes, dos cales un forma parte da directiva.

O Centro xa avisou de que a decisión dificultará enormemente o funcionamento do centro e, en consecuencia, danará a calidade do ensino e a atención ao alumnado. Pero a Xunta non aceptou as explicacións de quen día a día dá conta da situación real nas aula, negándose a calquera tipo de modificación.

Finalmente os perxudicados son os de sempre: os alumnos, que xa non poderán optar a sesións de lectura, de materias TIC, non teránunha biblioteca tan coidada...

Aquí vos deixamos coa carta que a ANPA Ventorrillo do centro malpicán vén de entregar na Consellería.

Carta do ANPA Ventorrilo a Educación

Desde a ANPA Ventorrillo de Malpica queremos denunciar a situación na que se vai encontrar o CEIP Milladoiro para o vindeiro curso, que dificultará enormemente o funcionamento do centro e, en consecuencia, danará a calidade do ensino e a atención ao alumnado.

A Consellaría e sobre un papel decidiu que “sobran” tres docentes, dos cales un forma parte da directiva e outro é o especialista en Audición e Linguaxe (que traballa con alumnado con dificultades especiais), e non aceptou as explicacións de quen día a día dá conta da situación real nas aula, negándose a calquera tipo de modificación.

A realidade é que a aplicación da nova normativa de horario do profesorado xa deixa pouco espazo para deseñar e levar a cabo a animación á lectura, o funcionamento das bibliotecas, a elaboración de materiais TICs, o coidado, formación e protección dos nenos e nenas menos desfavorecidos e todos os programas que serven, basicamente, para unha mellor aprendizaxe e formación do alumnado. Se se eliminan docentes, no centro de Malpica non vai haber horario real para coidar do alumnado cando se ausente algún profesor, cando haxa unha excursión nin para que funcione o plan de biblioteca do centro (que xa recibiu numerosos premios e é un exemplo no panorama galego), nin mesmo para que a directiva poida desenvolver o seu labor correctamente.

As contas sobre o papel non cadran coa realidade dos centros, coas súas necesidades cotiás, e o resultado sempre o pagan os mesmos: o alumnado, en primeira instancia, e as súas familias, moi especialmente aquelas cuxos fillos requiren coidados especiais: hoxe por hoxe o funcionamento do CEIP Milladoiro en condicións aceptables vai resultar imposible.

Invitamos á Consellaría e á inspección a revisar a súa política educativa, porque a súa xordeira lévanos á peor crise que pode sacudir a unha sociedade que procure un futuro mellor: a crise educativa.

  • Susana Álvarez, Presidenta, e Emma Abella, Secretaria da ANPA Ventorrillo do CEIP Milladoiro de Malpica.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da ANPA do CEIP Milladoiro de Malpica.

Comentarios