![II rota lugris malpica]()
Este domingo, día 2, Malpica acolle a
segunda rota Lugrís organizada pola asociación Caldeirón coa colaboración do concello. A casa do Pescador será o punto de partida do percorrido ás 10:30 horas, e ao longo da mañá continuarán sucedéndose os lugares de encontro o legado do pintor. Este ano participará na ruta
Antón Patiño, gran coñecedor da obra lugrisiana, o que permitirá achegar, ademais, outros aspectos do artista.
Poesía, música, pintura... e este ano tamén gastronomía, son os ingredientes da II rota Lugrís, que
inclúe unha xurelada ás 15 horas e o recital poético “Aldeas sen voz” ás 18 horas. Esta última actividade desenvolverase no centro Cívico, no que sigue aberta ata ese mesmo día a exposición homónima de fotografías de Vicente Ansola, organizada por Caldeirón, o colectivo poético A Porta Verde do Sétimo Andar e o concello de Malpica. As imaxes repártense entre o espazo expositivo da planta baixa do centro Cívico e a sala circular do Fondo Lugrís, no segundo andar, onde poden visitarse ata o 2 de outubro.
“Aldeas sen voz” recolle o traballo levado a cabo por Vicente Ansola no concello de A Pontenova entre os anos 2009 e 2015, e xira en torno á situación de abandono na que está inmersa o rural galego e á perda de patrimonio cultural que conleva. Coincidindo coa clausura, o 2 de outubro, ás 18 horas presentarase o libro homónimo editado por Canela, que acolle, ademais da fotografía de Ansola, os textos dos creadores e creadoras do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, entre outros.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Malpica