Martes. 19.03.2024
El tiempo

Os produtos de Bergantiños triunfan no Fòrum Gastronómic de Barcelona

A Cunca de Buño no Forum Gastronomic con Xose Regueira da Deputacion da Coruna
Xosé Regueira cos responsables do Restaurante A Cunca de Buño
Os produtos de Bergantiños triunfan no Fòrum Gastronómic de Barcelona

Desenvólvense estes días dúas citas gastronómicas importantes. En Ourense dase a Feira Xantar, mentres que en Barcelona ten lugar o Fórum Gastronomic, unha das feiras máis importantes do estado. Se por Ourense andan produtos de Vimianzo, Mazaricos, Ponteceso ou Muxía, por Cataluña fanno outros produtos da comarca de Bergantiños.

A través do posto da Área de Turismo da Deputación da Coruña que coordina Xosé Regueira, e no marco da campaña “A provincia que sabe”, estes días os protagonistas están sendo xentes da zona como a cociñeira Bea Hermida e do cociñeiro Óscar Ures do restaurante ‘A Cunca’ de Buño.
Na súa demostración (foi a primeira vez que asistían ao evento), realizaron unha receita de ceviche de corvina e gambón, e unha fideuá con berberechos de Canduas e polbo de Malpica.

Pechando negocio

Comarca Bergantiños no Forum Gastronomic
Regueira cos produtores de Bergantiños

Ademais dos showcooking, tamén estiveron presentes varios produtores locais como a Empanada carballesa ‘Costumes gastronómicos de Galicia’, representado polo director comercial, Antonio Claro, e polo xerente e panadeiro, Francisco Fraga; Licores Bello Blanco, a cargo do propietario, tamén carballés, Borja Bello Blanco; e as legumes coristanquesas de ‘A Despensa D’Lujo’, con presenza de Lucía Calvo e José Iglesias.

Os participantes salientan o éxito de contactos comerciais realizados, desde cadeas de distribución e puntos de venda, ata xornalistas e críticos especializados en turismo e gastronomía.

Nesa liña Regueira asegura que os produtores costeiros “pecharon negocio” gracias a “esta nova estratexia de promoción, baseada na sustentabilidade e na calidade de toda a cadea agroalimentaria. Este é o camiño para avanzar en novas oportunidades de negocio e fomentar a empregabilidade en sectores con base no medio rural e no territorio, e aquí estamos vendo como o traballo de empresarios que buscan a especialización do seu produto implica un valor engadido con moi boa acollida”.

Comentarios