O Quinteiro invita a pasar o Sábado Santo en Buño cunha xornada completa

A Asociación de Veciños O Quinteiro de Buño prepara unha xornada chea de actividades para o disfrute de veciños e visitantes de tódalas idades. A cita, formulada para o vindeiro Sábado Santo (19 de abril), terá de todo: andaina, xantar, obradoiros e risas.
Comezará coa II Andaina popular, aproveitando para dar a coñecer os lugares de captación da Comunidade de Auga de Buño, os seus embalses, depósitos e fontes. Ao remate, Xantar popular no Colexio de Buño.
O prezo de ambas actividades é de 12€ para inscricións anticipadas, antes do 13 de abril, e de 15 Euros para inscricións entre os días 13 e 15 de abril.
O pago e inscripción debe facerse preferentemente por vía electrónica na web da entidade.
A tarde comezará con Obradoiros de Barro organizados polo Concello de Malpica no Ecomuseo Forno do Forte entre as 1630 e 18:30 h. De balde e sen necesidade de inscrición (prazas limitadas a 15 participantes).
E para pechar a completa velada, o Ecomuseo Forno do Forte recibe ás 19:00 h. a un dos contadores de contos máis célebres do país: Quico Cadaval cos seus "Fantasmas Familiares", tamén de balde ata completar aforo.