O Santo Hadrián deu a benvida ao verán de Malpica
Fin de semana fermosa esta do ecuador de xuño en Malpica. O Santo Hadrián serve para inaugurar o verán na vila bergantiñá, pois combínase a festa verbeneira, a Regata Illas Sisargas, o comezo do servizo de salvamento e socorrismo, e a gran Romaría, esa festa de Interese Turístico Galego tan auténtica.
O espectacular sol dominical permitiu ademais que a peregrinación dende a capital ata a Igrexa fose do máis vistosa, e milleiros e milleiros de persoas foron pasando pola capela e celebrando toda a liturxia.
Xa durante toda fin de semana a cousa estivo moi movida por Malpica. As sesións vermús e verbenas deron vida ao pobo, e ademais triunfou a a campaña contra a violencia de xénero do “#NoAgresion Fest”. Ao ser unha campaña dirixida á mocidade, estiveron o sábado pola tarde-noite estívose co stand, estreándose o novo alcalde, Walter Pardo, e facendo entrega do folleto co decálogo contra a violencia de xénero máis a info do 016. Triunfaron as chapas e as pulseiras coa imaxe da campaña adaptada a Malpica, sobre todo entre as mozas do grupo Batukada, que arrasaron coas existencias.
Os panos, xa todo un símbolo do Santo Hadrián
Tamén se deron os 2.000 panos rosas que encheron de cor a romaría dominical. Unha aposta, a dos panos, que nacía hai 4 anos, e que xa é todo un símbolo de identidade da festa. Ao longo de toda a semana pasada se entregaron no Centro Cívico, e houbo peticións de toda a comarca.
A romaría segue sendo “sota, cabalo e rei”. Non pasan os anos, por ela, cos mesmos postos de rosquillas e velas de toda a vida, a mesma árbore dos desexos engalanada cos panos brancos, e a xente que sobe e sobe para ir pasando polas misas que se celebran cada hora.
Non é moita a xente que fica a comer en pandilla (soen ser varias familias e pandas de amigos de Malpica os que levan o picnic completo) pero foron moitas as que fixeron colas inmemsas para probar as sardiñas que artellaron as xentes bravas da Asoc. de Seaia, especialistas na materia, que tamén organizaron a sesión vermú.
Agora, toca disfrutar do verán, e esperar un ano para disfrutar dunha das romarías máis auténticas da Costa da Morte.