As traballadoras do SAF de Bergantiños únense contra o preacordo da vergonza
Falabamos este luns coas traballadoras do SAF de Cee sobre o preacordo asinado por UGT e CCOO (a CIG rexeitouno) coa patronal. Un preacordo de convenio colectivo que para nada satisface ás traballadoras do país deste Servizo de Axuda no Fogar, un dos servizos máis básicos do noso sistema de benestar absolutamente menosprezado pola administración, externalizado a pesar de ser un sector con 99% de financiamento público.
A situación arrástrase dende hai 11 anos, cando expiraba o anterior convenio e empresas adxudicatarias e Xunta decidiron facer caso omiso das leis e rebaixaron as condicións de milleiros mulleres do país.
O preacordo asinado a semana pasada blinda unha suba salarial do 1% para os vindeiros 4 anos, unha auténtica miseira tal e como está a inflación nestes anos.
Se por Cee seguen mobilizándose, e en todo o país se celebran caceroladas en contra dous sindicatos, estes días son as traballadoras da comarca de Bergantiños as que unen para loitar contra este atraco laboral. As arredor de 250 traballadoras bergantiñáns (máis de 100 en Carballo, unhas 40 en Malpica e Laracha, 20 en Ponteces, Cabana, e Laxe) manteñen hoxe unha reunión en Buño no marco dunha Asemblea da CIG.
FOLGA e Manifestación
Unha CIG que leva máis dun ano convocando mobilizacións, e que xa ten convocado folga indefinida a partir do 2 de novembro.
Antes, a Plataforma SAF Galiza convova unha manifestación este sábado 29/10/2022, as 17:00 h en Santiago de Compostela "para berrar ben alto o maltrato ao que nos someten empresas e sindicatos e loitar por un convenio XUSTO e digno para o trabalho esencial que facemos".
Precarización: Dobre escala salarial e xornada laboral
O proceso de precarización deste sector tan tremendamente feminizado obsérvase nestes dous puntos. Por un lado a creación dunha dobre escala salarial, con dúas táboas diferenciadas. Isto vai provocar, segundo denunciou a secretaria nacional de CIG-Servizos, que ás traballadoras dun concello, no que non se vai sacar o novo concurso até dentro de dous anos, se lles apliquen incrementos salariais do 1% en 2023 e doutro 1% en 2024, mentres que as do concello do lado, onde liciten este ano, van ter incrementos do 3,15% en 2023 e do 3,15% en 2024. “Unha terá en dous anos unha suba do 2% e a outra dun 6,30%”.
Porén, si hai unha mellora como a redución de xornada. “Pero a fan a partir de 22,5 horas en 2024 e de menos de 30 horas en 2026. É dicir, que en xaneiro de 2026 quedaría a xornada en 1695 horas”, explicou. Fronte a isto lamentou que se esqueza que as traballadoras do SAF “traballan todas a tempo parcial, mínimo 25 horas” e que isto non está reflectida a xornada laboral semanal.
Ademais denunciou que só se contempla incrementar dos actuais 0,19 a 0,22 céntimos por quilómetro os gastos de combustíbel durante todo o período de vixencia do convenio.