Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Xosé Vizoso protagoniza a nova etapa do Forno do Forte

Xose Vizoso no Ecomuseo Forno do Forte
O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas; o artista Xosé Vizoso e o rexedor malpicán Eduardo Parga durante a presentación
Xosé Vizoso protagoniza a nova etapa do Forno do Forte
A retrospectiva sobre Xosé Vizoso abre a nova etapa de actividades expositivas no Forno do Forte “Este vai ser un museo aberto, inclusivo, vivo e cheo de contidos, un museo para a veciñanza de Buño, de Malpica e da comarca” asegurou o Deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, no acto de apertura da mostra Esta é a primeira exposición retrospectiva sobre a traxectoria dunha figura fundamental no eido da cerámica, a ilustración, o deseño, e o cartelismo, e estreitamente ligada a Sargadelos. Poderá visitarse ata finais de xuño

Arrincaba onte a nova etapa expositiva do Ecomuseo Forno de Forte de Buño, que pretende convertilo no gran museo da olaría de todo o país. Deputación e Concello dábanse cita para inaugurar unha mostra retrospectiva sobre a traxectoria de Xosé Vizoso.

O artista (Mondoñedo, Lugo, 1950), residente en Brión, que ten unha longa traxectoria como ilustrador, deseñador, ceramista, escultor, escenógrafo, cartelista, muralista, pintor e caricaturista, amosouse agradecido pola exposición e durante a súa breve intervención fixo un somero percorrido pola súa traxectoria en Sargadelos, lembrando os inicios da súa carreira xunto con Isaac Díaz Pardo.

Parga, asegurou que “é unha ledicia acoller aquí esta obra, un privilexio contar coa presenza do autor, que non só é un gran artista senón que ademais é un grande da cultura do país”.

As pezas expostas están repartidas en tres salas: a primeira acolle seis pinturas de gran formato da serie sobre os entroidos; na segunda sitúanse 20 debuxos sobre a olaría de Galiza e unha selección de libros que son unha pequena mostra das 300 portadas e ilustracións que Vizoso fixo para Edicions do Castro; mentres que na terceira se expoñen varias pezas de cerámica representativas da sua carreira en Sargadelos.

Comentarios