Venres. 26.04.2024
El tiempo

A XVII Mostra de Teatro de Malpica xa ten programa

CARTEL MALPICA- XVII Mostra de Teatro
A XVII Mostra de Teatro de Malpica xa ten programa

17 anos leva Malpica celebrando a súa Mostra de Teatro. Non faltará este outono, coa chegada durante os meses de outubro, novembro e decembro de moitas das mellores compañías da escena galega. Do venres 29 de outubro ata o 10 de decembro, o auditorio do Centro Cívico do municipio acollerá cada venres ás 20.30 horas unha cita singular.

O aforo máximo en cada un dos espectáculos será de 150 persoas espectadoras, pero é preciso reservar entradas (dende xa é para calquera obra) enviando un correo a [email protected] indicando o nome e apelidos de cada solicitante, o número de DNI se é o caso, un teléfono de contacto e os espectáculos nos que desexa realizar a reserva.

O programa

A estrea do programa será o 29 con “A carreta pantasma” de Berrobambán, dirixida a público adulto. A obra preséntase como unha historia singular na que se fala da morte, do medo e da memoria.

Novembro arrincará coa representación de “Coleccionistas – A arte feita comedia” de Ainé Producións (5 novembro). Trátase dunha comedia didáctica, dunha clase de arte chea de humor na que o público asistente terá un papel do máis participativo. Unha semana despois, o 12 de novembro, a compañía Pérez&Fernández tomará o relevo con “Os nenos da varíola”, baseada na Real expedición Filantrópica da Vacina que partiu desde o porto da Coruña o 30 de novembro de 1803. Ese día, 22 orfos e orfas conformaron unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina aos territorios de ultramar.

“Liberto”, de Rebordelos S.L. converterase na seguinte obra en subir á escena malpicá (19 de novembro). A función conta a historia de Ada, unha moza que relata, a través dun texto teatral, a experiencia máis determinante da súa vida: o nacemento de Liberto, o seu segundo fillo.

A agrupación Os Quinquilláns conquistarán ao público malpicá con “A pluma viva de Rosalía (26 de novembro), inspirada nun feito real de censura a un texto da escritora de Follas Novas. A obra arrinca coa visita sorpresa de Rosalía de Castro á imprenta de Soto e Freire, que acaba de ser atacada por un grupo de 200 seminaristas contrarios á publicación dun artigo. Ao día seguinte, o 27 de novembro, será a quenda de “Bravas” de Isabel Risco.

Decembro chegará tamén cargado de teatro, e a primeira función terá lugar o venres, 3 de decembro, cando se interpretará “Pinocchio” de Teatro Ghazafelhos (para cativos e cativas a partir de 6 anos). Trátase dunha adaptación da obra clásica na que o protagonista é un monicreque que agocha un segredo no seu corazón. A posta en escena combina os monicreques, o teatro e a música en directo.
A temática da Mostra dará un xiro de 180º tan só un día despois, 4 de decembro, cando se interpretará a función “Crónicas dunha heterosexual insatisfeita”, de Verdeveras Expresións Artísticas en coprodución co Centro Dramático Galego. Nela convídase aos asistentes a reflexionar sobre as normas e parámetros preestablecidos que facemos propios sen sequera pensar se hai outra opción diferente.

A seguinte e última representación será o 10 de decembro coa función “Vida de cans”, a cargo de Talía Teatro. É unha comedia paródica e metafórica na que os actores se converten en tres cans. Durante a obra, os animais terán que afrontar un conflicto diferente en función da súa personalidade.

Comentarios