A comunidade cultural galega envórcase co Museo da Pesca de Fisterra
09:23 14/06/16
A porta do Castelo de San Carlos e do Museo da Pesca de Fisterra segue pechada xa entrada o verán
Xa limos o artigo do poeta maltés Stephen Cachia ante o eterno peche do Museo da Pesca de Fisterra. E non será o único que levante a voz ante esta histriónica situación, que demostra o interese polo coidado do nosos patrimonio das nosas administracións. Hoxe toca escoitar ao filósofo Xosé Manuel Lobato.
Onda finada
Alexandre Nerium no Museo da Pesca de Fisterra A grande inmensidade oceánica latexa sostida polas afogadas inspiracións dun mergullo bambeante entre a desesperanza e a incerteza. Desacougo no chiscar do faro, a súa pausada ollada navega nas bágoas do pasado apresadas no museo do mar de Fisterra. Historia viva situada no emblemático castelo de San Carlos, non é este un dos grandes castelos, mais o seu emprazamento e a súa historia conseguen a metamorfose ideal para albergar un museo dedicado ao mundo do mar. Sen dúbida, nun enclave que acolle a un pobo que inspira e expira co arrecendo salgado do vaivén constante das marusías fisterrás. Este noso final da terra e as súas xentes son dende tempos afastados moradores do mar empedrado por numerosos cons con nome propio e unha vaga de mar que se enrabecha ante tanta pétrea presenza. Admiración e respecto para esa acuosa bravura multicolor que arremete sen compaixón, porén os pescadores e mariñeiros deste Cabo ondean a bandeira ancestral da sabedoría transmitida polos seus devanceiros e logran vivir nestas augas nas cristas das ondas, abalando e devalando con intensa enerxía a procuraren empatía e harmonía co seu mar. No entanto, esta historia de loita secular sen par debe ser espallada e valorada por todas aquelas persoas de calquera lugar do mundo que se achegan a coñecer Fisterra e o seu máxico engado. Con profunda tristura e decepción vivín a miña última visita polas terras do Cabo. A sorpresa foi das que deixan pegada cando tentei acceder o castelo de san Carlos, como en varias ocasións anteriores, para min visita obrigada este museo do mar que encontrei trancado. Posiblemente un museo humilde, mais que se magnifica cos folgos e coa intensa vida acubillada nas explicacións de Manolo, un guía atípico, xa que coñece todos os segredos dun mar que ama e co que durante moito tempo tamén compartiu a súa xornada laboral co o mergullador. Mais iso non é todo, Alexandre Nerium é un dos poetas do mar cun vocabulario máis diverso e limpo. Hoxe, o museo do mar necesita vida e precisa ser espallado, esa vida intensa que recibe do pasada feito presente na oralidade mareira de Manolo ou Alexandre Nerium.- Xosé Manuel Lobato (Lestedo – Boqueixón, 1958). Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, e profesor de Matemáticas no IES Félix Muriel de Rianxo. Escritor. Autor de Diáspora.com; Cos pés na peneira; Retorno á Natura; Máxico tear natural e Elos de cinza.
Novas relacionadas
- Xuño 2016: O eterno peche do Museo da Pesca de Fisterra.
- Xuño 2016, Miro Villar: O poeta maltés Stephen Cachia critica o peche temporal do Museo da Pesca de Fisterra.
- Febreiro 2016: A Deputación intentará reflotar o Museo Seo de Corcubión.
- Marzo 2015: Contra o pasamento do Museo Seo de Corcubión.
- Marzo 2016: Xa son 5 os Concellos que abandonan a Asociación Neria.
- 2014: O Museo sen luz.
- Novembro 2014: A Neria, en quebra.
Fonte
- Redacción da QPC ([email protected]).