Venres. 26.04.2024
El tiempo

Bota a andar Candieira, unha rede de apoio e promoción das mulleres do mar

Bota a andar Candieira, unha rede de apoio e promoción das mulleres do mar
Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro - Galp - da Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda veñen de botar a andar Candieira; unha rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia.  Este proxecto de cooperación nace para alentar e acompañar o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras dos territorios dos GALP participantes. Este xoves, día 6 de xullo, celebrarase ás 12 horas (lugar A Camposa, s/n, Buño, Malpica de Bergantiños) un primeiro encontro para a área do GALP Costa da Morte, que comprende os concellos A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía. Pola tarde será o turno dos encontros sociais, o primeiro será na Casa da Cultura de Vimianzo ás 16:30 horas, e o segundo de novo na sede do GALP, en Buño, ás 19:30 horas. A eles están convidadas confrarías, entidades sociais e empresariais, asociacións culturais, ambientais e persoas a título individual que queiran implicarse no proxecto. Por outra banda, xa está activa a web candieira.net, onde se irá pendurando toda a información relativa ao proceso ao longo dos próximos meses, ao tempo que funcionará como repositorio de documentación e de ideas e como canle de comunicación principal de Candieira. Outras actividades Durante a primeira quincena de xullo celebraranse encontros en varias localidades para dar a coñecer o proxecto ás entidades e axentes locais, cuxa participación é fundamental para desenvolver Candieira. As xuntanzas están abertas á participación de toda a sociedade, especialmente a daquelas persoas que traballen na promoción da igualdade, que pertenzan ao sector pesqueiro, patrimonial, cultural e ambiental ou que estean vinculadas ao ámbito do emprendemento e a innovación. O obxectivo último é a constitución dun grupo motor en cada territorio, que se encargará de dinamizar e guiar o proceso entre este ano e o que vén, e á súa vez favorecer a incorporación de novos axentes. Entre setembro deste ano e abril de 2018 programaranse “laboratorios” ou obradoiros prácticos de impulso ás iniciativas que nazan e medren ao abeiro do Candieira. Estes espazos de creación alentarán a posta en marcha de proxectos baixo unha perspectiva Maker (aprender a través da experiencia). A inscrición, de balde, dirixirase a mulleres emprendedoras dispostas a mergullarse na xeración de experiencias innovadoras e intercambiar saberes e coñecementos, ao tempo que se vai tecendo unha rede de traballo colaborativa entre elas. A previsión é que en maio de 2018 esta rede de apoio e de traballo compartido das mulleres da costa galega estea consolidada e que se manteña ao longo do tempo. Novas relacionadas Fonte

Comentarios