Miúdas melloras de seguridade no Porto de Cubiles


Non porán ningunha varanda para evitar sucesos como os acontecidos o pasado mes de decembro. Pero Portos de Galicia si que reparará o pavimento na zona e mellorará as condicións de saneamento no peirao pesqueiro de Cubiles, en Brens, Cee.
Así o anunciou Portos durante a visita institucional deste mércores, tendo xa a Xunta contratadas as obras de reparación do pavimento no peirao pesqueiro de Cubiles. Os traballos, por importe próximo aos 10.000 euros, darán comezo no momento en que as condicións climatolóxicas o permitan.
En concreto, as obras consistirán no vertido de grava e reparación do pavimento asfáltico con dobre tratamento e selado. Así mesmo, os traballos incluirán tamén melloras para o porto comercial de Brens, contiguo ao de Cubiles. Na zona comercial repararanse dous pozos de servizos e reporanse as arquetas de saneamento.
Danos polo temporal
Ademais Portos sinala que comezarán de contado as obras de reparación de danos en Malpica, que afectan a pavimentos e dotacións en terra como varandas e unha comporta; e que se atopa xa rematada a obra de reparación dos pantaláns de Corme. Ambas actuacións supoñen unha achega económica de preto de 20.000 euros.