Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os mariscadores da ría de Muros-Noia piden unha Denominación de Orixe para o seu berberecho

Os mariscadores da ría de Muros-Noia piden unha Denominación de Orixe para o seu berberecho
mariscadores-da-ria-de-muros-e-noia

Co asunto do vertedoiro de Sogama enriba da mesa, os mariscadores da ría de Muros e Noia manteñen unha gran preocupación polos baixos prezos do berberecho durante esta campaña e o sistema de poxa. O sector marisqueiro tamén necesitaba amosar a inquedanza ante os peches por presenza de toxina e a contaminación das augas da ría de Muros-Noia que ameaza os bancos marisqueiros.

Todos estes puntos foron o groso da orde do día da xuntanza, convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Muros-Noia (Plademar), que tiveron un centernar de mariscadores e mariscadoras en Noia o pasado sábado xunto con representantes do BNG, o exparlamentario e responsable de Pesca do BNG, Daniel Rodas, e a voceira de dita formación no Concello de Noia, Irati García.

A conclusión máis clara é que “é preciso chamar a atención das distintas administracións para esixir que o berberecho da ría de Muros-Noia, recoñecido como un bivalvo de calidade diferencia, poida contar cunha Denominación de Orixe Protexida o que favorecería a valorización comercial deste produto e a trazabilidade da orixe no etiquetado, o que ademáis evitaría a introducción de berberechos doutras zonas no mercado e tamén no cultivo, que poidan afectar a esta especie autóctona e con características únicas e garantir a sustentabilidade deste bivalvo”.

A este respecto, Irati García anunciou que esta cuestión foi trasladada pola representante do BNG en Europa, Ana Miranda, á Comisión Europea, logo de ter mantido unha xuntanza coa directiva de Plademar en días pasados. O cultivo e comercialización do berberecho é unha importante fonte de recursos para mariscadores e sector económico en xeral desta área, pero está moi afectada pola baixada de prezos na presente campaña, por iso é moi importante a aceptación da Denominación de Orixe Protexida do Berberecho desta zona, para garantir a trazabilidade e a diferencia deste producto e favorecer seu rendimento económico e protección medio ambiental.

O vicepresidente de Plademar, Pablo Silva, anunciou que serán solicitadas sendas xuntanzas coa Confraría de Noia e a Consellería do Mar, para darlles traslado destas peticións, dado que o sector está a sufrir unha situación insostible no tempo.

Fonte

  • BNG.

Comentarios