![conservas-cerdeimar]()
O Consello da Xunta analizou onte un informe sobre a tramitación da convocatoria de 2016 das axudas aos proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro realizados ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca. Ao abeiro desta orde, a consellería do Mar subvenciona 72 proxectos por un importe de preto de 4,6 millóns de euros, unhas iniciativas a través das que se prevén crear máis de 60 postos de traballo.
Varios proxectos da bisbarra entran dentro destas axudas, seguindo a estela da
aposta polo turismo industrial de Santa Comba. Así o turismo industrial será o protagonista dun proxecto do GALP da Costa da Morte, promovido por industrias
Cerdeimar. Consiste en aproveitar parte dunha edificación existente no complexo industrial conserveiro para implantar nela un
espazo expositivo da conserva de Camariñas.
O GALP seo de Fisterra ría de Muros e Noia ten un proxecto promovido pola empresa
Sotavento S.L. que consiste nunha conserveira artesanal en Nebra, Porto do Son, integrada por dúas socias menores de cuarenta anos. As conservas que elaborará serán de produtos das rías do ámbito territorial do GALP. Outro proxecto deste grupo é un centro de elaboración e transformación de produtos do mar, promovido pola empresa
Mariscos Antón Fernández, S.L. Esta iniciativa farase a raíz da rehabilitación dunha antiga depuradora de moluscos, na localidade de Abelleira.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Xunta