Os Concursos da Semana Gandeira de Mazaricos
Presentaba esta fin de semana o Concello de Mazaricos a súa Semana Gandeira. Un novo programa para ratificar a MZ como epicentro do sector gandeiro leiteiro, e deixar claro que é o meirande produtor de leite de toda Galicia.
Entre as actividades do programa, destacan as que intentan integrar a toda a veciñanza e as persoas que queiran participar a través de concursos que dan cabida á creatividade e orixinalidade. Serán tres os concursos nesta edición: de debuxos, de fotografía gandeira e de postres lácteos.
No caso do Concurso de Fotografía, a participación xa está aberta, ata o día 25. As fotos deben enviarse directamente por whatsapp ao número 696 33 09 66. Conta con catro premios: unha cea para seis persoas (primeiro premio), unha cea para catro (segundo) e unha para dúas persoas (terceiro). Haberá outro premio do público por votación en facebook, e cuxa recompensa é unha cea para catro persoas. Son ducias as fotografías que cada ano entran a concurso.
No tocante ao Concurso de Postres Lácteos, convida a todas as persoas participantes a achegar os seus postres, especialidades onde un dos elementos principais na elaboración sexa o leite. Repartirase un primeiro premio consistente nunha cea para seis persoas, ademais dun segundo (cea para catro) e un terceiro (para dúas).
Tanto no caso do concurso de fotos como no de postres, os premios poderán trocarse por vales de compra no comercio mazaricán por un valor de 25 euros por persoa (isto é, un premio dunha cea para dúas persoas podería cambiarse por vales de compra por valor de 50 euros).
Esta nova edición da Semana Gandeira está organizada polo Concello de Mazaricos, Gandeiros de Mazaricos e Africor. Conta co patrocinio de Abanca e a colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e da Deputación da Coruña.