Mazaricos, o primeiro produtor de leite de Galicia, prepara unha nova edición da súa Semana Gandeira
- A Semana Gandeira terá lugar do 25 de novembro ao 1 de decembro.
- A poxa “Memorial José Moreira” de gando frisón porá de novo o broche a un evento consolidado onde Mazaricos se reafirma como primeiro produtor de leite de Galicia.
Mazaricos celebra unha nova edición da Semana Gandeira do 25 de novembro ao 1 de decembro. Un ano máis, a capital leiteira de Galicia organiza un evento que pon en valor durante sete días a potencia do seu sector gandeiro. Cómpre salientar que Mazaricos é actualmente o primeiro produtor lácteo galego, con 137 millóns de litros de leite producidos durante o 2023.
O programa de actividades dá comezo o luns 25 de novembro. Durante a semana, estas dixírense fundamentalmente á familiarización da mocidade mazaricá co sector gandeiro, a través de visitas escolares a explotacións gandeiras e industriais. Deste modo, o mércores 27 de novembro as nenas e os nenos dos colexios visitarán en Vimianzo unha fábrica de penso e a gandería Os Loureiros, unha explotación que salienta pola innovación tecnolóxica. Posteriormente, o venres 29, visitarán A Casa Grande de Xanceda, unha importante explotación e fábrica de produtos lácteos ecolóxicos no municipio de Mesía. Ademais, as nenas e nenos poderán participar nun concurso de debuxo.
Durante a fin de semana, o recinto feiral da Picota será a sede das distintas actividades que completan a programación, incluíndo a exposición agraria e de servizos durante os dous días. O sábado 30 terá lugar a Mesa Redonda Virtual “Situación e perspectivas de futuro do sector lácteo”. A partir das 12h da mañá celebrarase unha Gran Sesión Vermúuuuu con DJ Rokiño.
O mesmo sábado á tarde entregaranse os premios do concurso de postres lácteos e celebraranse obradoiros e actividades para os nenos e para todas as idades.
O domingo 1 de decembro celebrarase a tradicional Poxa de Gando Frisón “Memorial José Moreira”, onde se poxarán os mellores exemplares desta raza vacúa. Este evento conta sempre cun grande número de animais de alta calidade e salienta polos prezos que chega a acadar, xerando un gran volume de negocio.
Ao longo destes días falaremos tamén dos concursos.
Máis novas