xoves. 07.11.2024
El tiempo

A Xunta camufla no almacenamento de enerxía o carácter especulativo da estación de bombeo da Ruña

Visita con Augas de Galicia a runa
Augas de Galicia e os representantes da Plataforma no lugar onde vai ir a estación de bombeo
A Xunta camufla no almacenamento de enerxía o carácter especulativo da estación de bombeo da Ruña

Esta semana celebrouse unha importancia reunión arredor do proxecto da estación de bombeo reversible da Ruña (Mazaricos). Augas de Galicia xuntaba ás dúas empresas que presentaron os seus proxectos (XEAL e unha empresa cordobesa) con 29 entidades, como as Plataformas Vendaval ou Salvemos a Ruña, así como unha das Encrobas, onde xa sufriron un proxecto semellante.

Trátase dun trámite máis no procedemento do practicamente irrevocable proxecto industrial sobre o que no Pleistoceno foi un glaciar rochoso, un dos tesouros naturais máis virxes da Costa da Morte. Un proceso que se fará a través da concesión plurianual a un dos dous proxectos presentados, que terá pasar a aprobación do Ministerio de Transición Ecolóxica para convertise en realidade.

O proxecto, que supón un 450 millóns de euros, lembremos, trátase da construción no monte da Ruña dunha balsa (de 12 hectáreas, 12 campos de fútbol, no caso do proxecto de XEAL; ou dúas balsas algo máis pequenas no caso do proxecto da empresa cordobesa), e dous tubos de case 4 km que unirán a balsa co encoro de Santa Uxía, por onde subirán a auga, gastando enerxía, cando estea barata, para lanzala cara abaixo e turbinala xerando enerxía eléctrica cando esta estea máis cara no mercado.

Un fin especulativo que a Xunta, e o Ministerio, camuflan na necesidade de establecer zonas de almacenamento enerxético que non dependan de combustibles fósiles.

A pesar do rexeitamento social xerado na comunidade ecoloxista da comarca, Jesús Manrique, Xefe do Servizo Territorial da Demarcación Central de Augas de Galicia, fixo máis de defensor dos proxectos empresarias que das nosas augas, recoñecendo o interese da Xunta en priorizar os beneficios económicos aos patrimoniais. “Hai que facilitarlle as cousas a estas empresas inversoras”, deixou claro o representante de Augas, dando por feito a posta en marcha do proxecto antes ou despois..

Os representantes das Plataformas trasladáronlle aos representantes da Xunta, durante á subida ao lugar afectado que o ”desastre ecolóxico, medioambiental e da calidade da auga sería irreversible”, pero a resposta do responsable de Augas cando foi preguntado pola afectación á paisaxe é clara: “no os preocupeis por el pasaije, porque eso sólo es un laguito que hasta va a quedar bonito”.

Reunion de Augas de Galicia sobre a estacion da Runa
Reunion de Augas de Galicia sobre a estacion da Runa

A Auga de Fisterra de Muros

Precisamente esa afectación ás turbeiras, fontes e mananciais é un dos puntos chave da loita cidadá. Porque o monte da Ruña e o encoro de Santa Uxía son a fonte de auga dos Concellos de Muros, Carnota, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía, e a perda de calidade da auga, ou mesmo de cantidade, representa unha das grandes dúbidas na zona.

Ante esta pregunta, o representante de Augas deixou patente a súa absoluta ignorancia sobre os mananciais afectados, mentres dende as Encrobas lembraban que unha solución que lle deran podería ser o das cisternas… “Xa se buscarán as solucións, xa se traerá auga doutra zona”, deixou

Tamén estiveron presentes varios gandeiros, que lembraron como a creación do encoro da Fervenza, a base de expropiacións, provocou mesmo unha modificación do clima, deixando moitas zonas de pastoreo sen manaciais propias.

Dende as Plataformas aseguran ademais que “en 10-15 anos este modelo enerxético vai estar obsoleto, pero as balsas van quedar para sempre”. Así, ademais de denunciar que o proxecto vai afectar os restos arqueolóxicos dun castelo, deixaron claro que van seguir loitando por unha Ruña libre de balsas.

Máis novas do proxecto

Comentarios