Xoves. 02.05.2024
El tiempo

“Os fabulosos Cleaners” da Compañía Malasombra, na Casa de Cultura de Mazaricos este sábado

CLEANERS-Malasombra
“Os fabulosos Cleaners” da Compañía Malasombra, na Casa de Cultura de Mazaricos este sábado

A Compañía Malasombra representará o seu espectáculo de teatro e pompas de xabón “Os fabulosos Cleaners” o vindeiro sábado, día 30 de decembro, en Mazaricos. Será ás 17h na Casa de Cultura na Picota, dentro da programación de Nadal elaborada polo Concello.

“Os fabulosos Cleaners” é un espectáculo con pompas de xabón dirixido a todos os públicos, unha verdadeira experiencia visual para compartir coa familia. O autor alacantino Luis Beviá, que percorreu medio mundo co seu universo xabonoso (Londres, Hong-Kong, México, Colombia, Perú, Cuba, Grecia ou Islandia, entre outros) dirixe a parte técnica deste sorprendente espectáculo.

A trama do espectáculo fálanos de dous operarios da limpeza do teatro, quen descobren por casualidade as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo ao combinarse con auga e xabón. Con esta base, os protagonistas emprenderán unha inesquecible viaxe guiados polas fantásticas pompas e burbullas.

O público sorprenderase e gozará con estas máxicas burbullas; pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. O espectador camiñará da man destes personaxes por un mundo máxico, cheo de cor e de moito, moito humor, e verase sorprendido dentro dun patio de butacas repleto de miles de pompas de xabón.

Comentarios