Domingo. 16.06.2019
El tiempo

Francisco Suárez Salgado, un mazaricán ao servizo do rexionalismo tradionalista

Francisco Suárez Salgado, un mazaricán ao servizo do rexionalismo tradionalista
Levábamos un mes sen lelo e xa o botabamos de menos. Seguimos percorrendo a historia de Mazaricos, e por ende da Costa da Morte, a través dos artigos que Suso Jurjo nas redes sociais. Cunha entrega sobre o Entruido que publicaremos a semana que vén xa saída do forno, hoxe voltamos en clave política ata o rexionalismo, para coñecer a historia de Francisco Suárez Salgado.

Francisco Suárez Salgado, un mazaricán ao servizo do rexionalismo tradionalista na Galicia do Rexurdimento”, por Suso Jurjo

Francisco Suarez Salgado Mazaricos Francisco Suárez Salgado Francisco Suárez Salgado nacía no lugar de Beba un 13 de febreiro de 1862. Viña ao mundo nunha boa casa, a de Suárez, que, ademais de posuíren unha labranza moi abastada, cobraba rendas forais en varios lugares do partido xudicial de Muros. Tiña esta familia unha longa tradición de servizo á igrexa, practicamente en tódalas xeracións dende mediados do século XVIII, houbo polo menos un membro da mesma que, como presbítero, alcanzou praza nalgunha parroquia galega. Seu pai, Santos Manuel Suárez Oreiro, viña desempeñando diferentes tarefas de responsabilidade política ou administrativa dentro da institución municipal: nese momento era alcalde, pero non tardaría en deixar este cargo para pasar a ocupar a secretaría municipal. A pesar de ser o primoxénito, Francisco foi destinado tamén ao servizo da igrexa, con dez anos e, supomos, despois de aprendidos certos rudimentos didácticos con algún mestre local ou no seo da súa propia familia, ingresa no Seminario de Santiago de Compostela no curso 1872-1873. Esta estadía inicial no Seminario foi moi curta, xa que nin sequera chegou a rematar o primeiro curso. Circunstancias de forza maior requiriron a súa presenza na casa familiar. Por informacións orais, seu pai, que como xa dixemos era secretario municipal, o día 13 de febreiro de 1873, dentro dos cometidos das súas funcións, trasládase á parroquia de Arcos a cobrar contribucións ou a informar das cargas impositivas que lle correspondían a cada veciño, sobre este extremo non hai unanimidade entre os transmisores dos feitos. No que si concordan é que o ánimo era totalmente contrario a calquera tipo de imposto. Temos que ter en conta que a oposición a Isabel II baseara boa parte das súas campañas na supresión das quintas e na reforma da facenda que permitira un reparto dos impostos máis xusto e equitativo. Coa vitoria da Revolución Gloriosa e a conseguinte caída da monarquía borbónica as clases populares esperaban que estas promesas se cumpriran. Pero as cousas non foron así, as circunstancias de inminente guerra civil provocada polo pretendente carlista, entre outras, non permitiron estas reformas, o que trouxo como consecuencia o desencanto e descontento da maioría dos que apoiaran o cambio de réxime. As expectativas renaceron coa proclamación da 1º República o 11 de febreiro de 1873. Non sabemos se este feito era coñecido en Mazaricos dous días despois. En calquera caso, en Arcos o descontento cos impostos derivou en violencia, e non tardaron en aparecer as escopetas, coas escopetas empezaron a asubiar os disparos, e aínda que o funcionario municipal faría todo o posible para salvagardar a súa vida, como nos lembra a súa partida de defunción “murió de muerte alevosa en Santiago de Arcos”. Con esta situación familiar , Francisco deixa os estudos para contribuír a recompor a estabilidade na súa casa. O feito de ser o primoxénito nunha sociedade apegada á terra e nun momento coma o que estaban vivindo, non sería aventurado maxinar o abandono definitivo. Se barallaron esta posibilidade, en calquera caso non chegaron a materializala, xa que cinco anos despois deste abandono inicial, incorpórase novamente á mencionada institución educativa no curso 1877 – 1878. Desta vez non houbo interrupcións de ningún tipo e no curso 1882 – 1883 puña remate á carreira sacerdotal. Despois de finalizar os estudos que o capacitaban para exercer a cura de almas, tivo que esperar ata o 4 de outubro de 1884 para ordenarse sacerdote, xa que non estaba permitido dar este paso ata que os aspirantes cumpriran os 24 anos. Suárez Salgado puido facelo aos 22 grazas a unha dispensa especial do Papa. Aínda que non temos datos, seguramente nestes anos composteláns, se achegue ao carlismo. Unha forza política que despois de renunciar definitivamente á guerra como medio para chegar ao poder, encamiñábase polos vieiros da intervención social de forma partidista. Estamos nos anos do Rexurdimento onde, á recuperación da lingua e das tradicións galegas, hai que engadirlle o nacemento do rexionalismo; unha ideoloxía que ten por obxecto a consecución dunha autonomía política e cultural para a nosa terra. Os carlistas súmanse a esta corrente, fundamentando esta orientación na existencia de diferentes reinos na España anterior aos Reis Católicos e no respecto ás institucións, usos e costumes dos distintos territorios que salvagardaron estes monarcas. Como nos lembra Justo Beramendi, o carlismo español sempre se articulou “sobre dous elementos complexos fundamentais: un catolicismo que se considera como modelo insuperado e insuperable de civilización e matriz de todo coñecemento verdadeiro; e un historicismo tradicionalista que, a diferenza do liberal, consiste en considerar que só son lexítimas e xustas aquelas formas políticas e aquelas relacións sociais que están avaliadas pola súa historicidade”. A deriva ultraconservadora de Suárez Salgado está motivada claramente polo feito de pertencer a unha familia tradicional que militaba no catolicismo máis inmobilista e con intereses na permanencia das estruturas de explotación agraria: foros e arrendos. Todos estes antecedentes engadidos á traumática morte de seu pai nun contexto de revolta social e forte efervescencia ideolóxica, sedimentaron no noso protagonista un sentimento contrario a todo o que estivera lonxe da orde tradicional, do Antigo Réxime caracterizado pola unidade entre o trono e o altar. Neste sentido inicia a súa colaboración en distintos xornais, a maioría pertencentes ao espectro máis conservador da prensa da época: La Cruz de Santiago, El Libredón, El Ciclón,… Tamén en Compostela fundou en compañía duns amigos o semanario político e literario La Verdad, e en Carril publicou o periódico satírico Varapalo de Picaños. O seguinte paso na vida do noso paisano resulta, cando menos, chocante. O normal, coa súa preparación e os contactos sociais que seguramente non lle faltaran, sería que optara á consecución dunha parroquia galega para exercer o seu ministerio sacerdotal. Aínda que tivera aspiracións maiores: unha canonxía, a dirección dalgunha institución relixiosa,… este sería o destino máis axeitado para dende o mesmo acceder a posicións de máis responsabilidade. Pero o noso home colle outros vieiros e pon rumbo á Arxentina, desembarcando en Bos Aires en xaneiro de 1885. Agora si, na capital do Prata ou nos seus arredores, administrará diferentes parroquias durante os dezaseis anos que dure a súa estadía na emigración americana. Ajó, San Pedro e, sobre todo, Quilmes, serán freguesías nas que a súa actividade sacerdotal está documentada. Nesta última localidade, que hoxe xa forma parte da cidade de Bos Aires, estivo dirixindo espiritualmente a comunidade católica de 1887 a 1893. Dende este ano ata que retorne definitivamente a Galecia no 1900, non sabemos en que parroquias exerceu o seu ministerio, o que si coñecemos é que foron anos de intenso apostolado. Unha das facetas máis celebradas da súa actividade relixiosa foi a de orador sagrado. Na Arxentina primeiro e despois en Galicia, era chamado das parroquias máis importantes para predicar nas funcións máis principais, converténdose nun “predicador de moda”. Todos disputaban a súa palabra, e todos sentían prestixiado o seu púlpito cando Suárez Salgado o presidía. O seu nome atraía aos templos innumerable concorrencia, conseguindo coma se dun político ou dunha estrela do espectáculo se tratara, unha entusiasta lexión de admiradores que o seguían alí onde queira que fose. Nestes anos arxentinos continúa coa súa participación xornalística en periódicos e revistas, moitos pertencentes á comunidade galega e española, pero outros propiamente arxentinos: El Eco de Galicia, El Diario, Prensa Española, La Unión, El Correo Español, EL Almanaque Gallego, EL Quilmero e La Provincia foron unha boa parte das cabeceiras que contaron coa súa colaboración. Durante esta estadía americana tamén participou de maneira moi activa en tódalas organizacións fundadas polos numerosos galegos alí emigrados. No ano 1898 fixo unha viaxe a Galicia para visitar a súa nai gravemente enferma e, como parte da súa actividade asociativa, para representar ao Centro Galego de Bos Aires nunha homenaxe a Rosalía de Castro organizada polo Ateneo León XIII de Santiago de Compostela. Neste acto celebrado o 30 de maio de 1899 pronunciou un memorable discurso que foi gabado por tódolos medios de comunicación da época: “Levantose Suárez Salgado: era el clou de la fiesta. Un aplauso estruendoso resonó en el salón, en la antesala y hasta en la calle. No es posible seguir al eminente orador gallego; no es posible ni dar idea de su discurso notabilísimo. Baste decir que habló en la lengua enxebre del país. Sus frases eran gráficas, sus apóctrofes espléndidos. Recordó los años de su juventud; su emigración á América; pintó con vivos colores el patriotismo de los gallegos argentinos, y su voz parecía a veces una maldición, a veces un lamento y a veces una plegaria. Es imdudablemente el Sr. Salgado un orador de altos vuelos. El público le aclamó. En algunos periodos las señoras se emocionaban. Su despedida a Rosalía fué magna.” A finais do ano 1900 retorna definitivamente a Galicia, radicando o seu domicilio na cidade de Santiago. Dende esta capital inicia a súa participación na vida pública do País, participando como orador sagrado en numerosas actividades relixiosas, non unicamente en Compostela, senón tamén en boa parte de Galicia: as prédicas de Semana Santa, do Nadal, das festas locais, das conmemoracións especiais, dos actos fúnebres revestían unha grande transcendencia se eran pronunciadas polo mazaricán. Importante foi tamén a súa colaboración con boa parte das organizacións relixiosas de Santiago. No ano 1901 foi nomeado capelán do Orfanato de Compostela, que por aqueles anos estaba radicado no antigo convento de San Domingos de Bonaval. No apartado xornalístico temos que destacar a creación por iniciativa de Suárez Salgado da revista Acción Católica da que foi director. Esta publicación versaba sobre “ciencias, literatura y propaganda relixiosa”, era de periodicidade quincenal e durante os anos 1902 e 1903 saca a rúa vinte e cinco números. Colaborou tamén asiduamente noutros medios de comunicación: Galicia Moderna, Revista Gallega, Santiago Revista Cultural, Compostela e El Correo de Galicia. Nesta última cabeceira, ideoloxicamente moi conservadora, deixounos numerosos artigos ao longo dos últimos dez anos da súa vida, moitos asinados co pseudónimo “El Hermitaño”. No ano 1905 traslada o seu domicilio á parroquia de Os Anxos, dende alí seguirá con boa parte das súas actividades. Nesta localidade do Concello de Brión morrerá repentinamente a causa dunha anxina de peito o 20 de agosto de 1910. Contaba con corenta e oito anos. Ata aquí fixemos un percorrido polos feitos principais da vida de Francisco Suárez Salgado. Agora ímonos centrar na súa tarefa de xornalista. De maneira sucinta fomos deixando constancia das diferentes publicacións polas que foi debullando esta actividade ao longo duns 28 anos. Pero de que trataban os seus artigos, que motivos levaban a un membro da igrexa á practica xornalística? Podemos dicir que o mazaricán non era un xornalista profesional. Se colaboraba asiduamente nunha serie de cabeceiras, non o facía por motivos económicos senón como complemento das súas funcións de clérigo. Tanto dende o púlpito coma dende os xornais, a súa palabra estará encamiñada á defensa dos seus ideais carlistas: a preponderancia da fe católica en tódalas esferas da vida, pública ou privada, e un ataque sistemático contra todos os pasos dados polo home dende a revolucionaria caída do Antigo Réxime. Como carlista nos seus artigos ataca continuamente a España liberal e centralista e a política caciquil representada polo compostelán Montero Ríos. Caciquismo que sume o estado español nunha crise permanente, fácil de constatar no abandono que sofre Galicia en tódolos ámbitos e que trae como consecuencia a miseria e a emigración. Como tradicionalista, ademais de deixar constancia nos seus artigos da súa oposición ao sistema vixente, propugna un novo orde, mellor dito, a volta ao Antigo Réxime, representado na figura do pretendente carlista, Carlos VII. Sustentando programaticamente este retorno a tempos prerrevolucionarios na instauración dun estado que supedite todo o ordenamento social e político ás directrices emanadas da igrexa católica. Como xa adiantamos anteriormente, a única novidade en clave progresista concretábase no apoio que Suárez Salgado e os seus compañeiros de partido prestaban á descentralización do estado, no que as “rexións” posuirían un alto grao de autonomía con respecto ao goberno central. Aínda que a maioría da súa produción periodística se inscribe dentro do apartado político e relixioso, en menor medida tamén asinou artigos de prosa de ficción ou de diferentes temas relacionados coa cultura de Galicia. Algunhas destas colaboracións publicadas na Arxentina, atópanse enchoupadas dunha melancólica nostalxia provocada pola ausencia da Terra. Rematemos coas súas palabras: “Al calor de la lumbre, en las veladas invernales, cuando niño, después de las lecciones de Catecismo, oía embelesado referir a los viejos del lugar episodios de la guerra de la Independencia y mil consejos que ponían los pelos de punta y nos hacían soñar luego con trasgos y brujas al infantil auditorio. Después… después pasaron los años, y llegué a ser hombre, y la Providencia me llevó lejos del modesto campanario de mi aldea, y conocí otras gentes y tierras nuevas, y experimenté en el fondo del alma una tristeza inenarrable, una morriña cruel que me consumía lentamente, al echar de menos no sólo las ternuras de la que me dio el ser y las caricias de mis hermanos, sino el ambiente purísimo de sus montañas, el sencillo trato de sus habitantes, las alegres músicas de sus romerías y fouliadas, las notas melancólicas de la gaita, que semeja llevar un mundo de ángeles dentro del fuelle, consagrados a llorar nuestras inmensas pesadumbres y el criminal abandono en que se nos tiene…”.  
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios