Unha intensa fin de semana porá o broche á Semana Gandeira de Mazaricos
- A poxa de gando frisón “Memorial José Moreira”, punto culminante do programa de actividades no recinto feiral da Picota.
A Semana Gandeira de Mazaricos 2024 achégase ao seu punto culminante coas actividades durante o sábado e o domingo no recinto feiral da Picota. O espazo permanecerá aberto durante toda a fin de semana cunha exposición agraria e de servizos, así como acollendo a entrega de premios dos concursos desta edición, a sesión vermuuu e moito máis.
As actividades dan comezo durante a mañá do sábado, cando terá lugar unha Gran Sesión Vermuuuuu amenizada por DJ Rokiño. Á tarde, entregaranse os premios dos concursos desta edición, o de postres lácteos (receitas que deben contar o leite entre os seus ingredientes principai) e o de fotografía gandeira. As persoas premiadas gañarán ceas en establecementos de hostalería mazaricáns, que poden cambiarse por vales de compra no comercio local.
O domingo celébrase o grande evento da Semana Gandeira. A Poxa de Gando Frisón Memorial José Moreira volverá deixar altas cifras de negocio por animais de grande calidade e categoría desta raza vacúa. Haberá máis de 2.000 euros en sorteo. Na poxa estarán presentes tanto o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, como a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez.
A Semana Gandeira de Mazaricos está organizada en colaboración entre o Concello, Gandeiros de Mazaricos e Africor. O evento é posible tamén grazas á colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, así como o patrocinio de Abanca.