xoves. 05.03.2026
El tiempo

Mazaricos acollerá este xoves 5 unha charla informativa sobre a caída de prezos do sector lácteo

vacas nunha granxa costeira
Mazaricos acollerá este xoves 5 unha charla informativa sobre a caída de prezos do sector lácteo

Este xoves 5 de marzo, ás 16:00h no Local Social de Antes, o BNG trasladará a Mazaricos a súa visión sobre a actualidade de Medio Rural, recollendo as inquedanzas do sector lácteo, unha recoñecida potencia no país. Contarán coa presenza do responsable local Fernando Noia, acompañado do responsable de Medio Rural do BNG, Xosé Manuel Puga e a deputada nacionalista Ariadna Fernández,  que darán conta da importancia da zona como produtor dun produto de excelente calidade, nun contexto onde Galicia chega a ser a orixe de máis do 40% producido no estado.

“Malia ser grandes produtores non temos a rendibilidade que merecemos por un produto de máxima garantía sanitaria e calidade, co aliciente dunhas orixes claramente diferenciadas, con grande cantidade de explotacións que habitan o territorio e que reciben o prezo por litro máis baixo do estado” adianta Xosé Manuel Puga, que anima á participación activa de gandeiros e gandeiras para trasladar as súas necesidades e preocupacións ao BNG. Abordaranse na xuntanza retos inmediatos do rural galego, nun momento de cambio e fondas transformacións nas que o goberno galego din “non está á altura do noso sector primario”.

No encontro analizaranse as posibles baixadas do prezo do leite en orixe anunciadas polas empresas na renovación de contratos que se fará efectiva a finais do mes de marzo, máis tamén se expoñerán outras ameazas para o rural galego, coma poden ser as enfermidades emerxentes que están de actualidade no estado tales coma a Dermatose Nodular Contaxiosa, que acaba de aparecer xa en Aragón, con propostas necesarias para a prevención e protección dos nosos animais. Non menos importante será analizar os efectos do tratado de Mercosur nas nosas producións así coma a baixada dos fondos da PAC.

Comentarios