Venres. 29.03.2024
El tiempo

Mazaricos reivindícase en FITUR como un destino acolledor e en expansión

Mazaricos en Fitur
Mazaricos reivindícase en FITUR como un destino acolledor e en expansión

O Concello de Mazaricos estivo presente un ano máis en FITUR para promoverse como destino turístico e consolidar, logo do Xacobeo, o seu lugar como municipio en expansión dentro do sector. Unha delegación conformada polo alcalde, Juan Blanco, o concelleiro de Turismo, Jorge Sanmartín, e representantes da hostalaría local participaron nun foro onde institucións e empresas de todo o mundo atopan un punto de encontro para desenvolver estratexias de promoción turística. 

Coincidindo con esta viaxe, o Concello lanzou en redes sociais o vídeo #IstoéMZ, unha peza audiovisual breve onde moitas veciñas e veciños de Mazaricos expoñen, con moito humor, as cousas que vale a pena coñecer en Mazaricos, onde non faltan lugares emblemáticos como as fervenzas ou manxares como a carne, o pan ou as filloas mazaricás.

O vídeo, que apela a unha serie de valores materiais e inmateriais que caracterizan Mazaricos como lugar de residencia e como destino turístico.

Por outra banda, a delegación mazaricá pechou acordos de promoción turística con diversos blogers especializados en promoción turística. O Concello considera internet como a principal plataforma de difusión do municipio como destino, seguindo a liña aberta nos últimos anos que acadou records no número de visitantes durante 2022 e permitiu a apertura de novos establecementos na localidade ata multiplicar o número de aloxamentos dispoñibles. 

Por outra banda, a delegación mazaricá participou en varias presentacións promovidas por entidades turísticas galegas e do ámbito da Costa da Morte. Deste modo, estiveron presentes no acto centrado na publicación “Fervenzas de Galicia, poema visual”, onde se inclúen dúas fervenzas mazaricás. Tamén participaron nas presentacións de “Un mar de gracias”, organizada por Solpor (Asociación de Empresarios do Camiño Santiago Muxía Fisterra), e de “Costa da Morte, de camino a ser destino starlight”, organizado por Turismo Costa da Morte (CMAT), así como “Até o fin. O Camiño de Santiago acaba no mar”, da Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra a Muxía. 

Comentarios