Domingo. 16.06.2019
El tiempo

Na Feira das Bestas de Mazaricos

Na Feira das Bestas de Mazaricos
Feira das Bestas de Mazaricos-Xesus Antonio Jurjo Lado Feira das Bestas de Santiago de Compostela-Foto de Alberto Rodríguez Rey A fotografía que ilustra este artigo podería ter sido realizada na feira da Picota, na da Choupana, na da Romaxe ou noutra calquera das moitas que se celebraban por toda Galicia. Hoxe xa son todas, tan só, un melancólico recordo. Mais non é dunha calquera, foi sacada nos primeiros anos sesenta do século pasado na feira de Santiago de Compostela, cando tódolos xoves se acubillaba á sombra e ao abrigo dos corpulentos carballos de Santa Susana. O seu autor é ALBERTO RODRÍGUEZ REY, un fotógrafo, aínda que afeccionado, con moita man e mellor vista para captar con arte e exactitude este intre único e irrepetible. Un intre no que se concentran, coma se dun estudo sociolóxico se tratara, algúns dos trazos máis xenuínos da idiosincrasia galega. Alberto Rodríguez faille sitio entre as catro liñas que enmarcan este encontro, aos protagonistas principais, ás miradas espreitantes e, alá en profundidade de campo, a outras moitas historias merecentes de plasmarse noutras tantas instantáneas. Aí temos ao posible comprador mirándolle a dentadura ao animal: coa súa gorra, a súa bancala colgada do brazo; o seu cigarro ben suxeito dos beizos; a chaqueta a raias, todo un clásico dos traxes de garda e de feira; e sobre todo, ese sorriso cargado de retranca e satisfacción, que nos semella indicativo de que a besta lle convén e que xa ten unha argucia preparada para mercala ao menor custe posible. Ao dono do animal tampouco lle han de faltar recursos para defender os seus intereses, porque neste País outra cousa non sei, pero feireando somos verdadeiros mestres de escena. En pouco tempo pasamos do drama á comedia, dunha verbosidade infinita ao mutismo máis absoluto, da graza máis enxeñosa á máis xélida das seriedades, do acordo ao trasacordo; para rematar, se todo vai ben, cun forte e entregado apertón de mans. E a besta déixase facer, é, igual que a xente do País, dócil, servizal, sufrida e agradecida ao trato e á comida que gaña, non sen esgotadores esforzos. Esta imaxe forma parte dun conxunto de seis que, de temática similar, o autor me agasallou en 1986. Coñecino na gloriosa Compostela dos anos oitenta por medio da súa filla, unha boa amiga, Iolanda Rodríguez Aldrei. Recoñecida poeta con numerosa obra publicada que asina os seus versos como Iolanda Aldrei. Cando no Nadal de 1987 meus pais abriron o Bar Alborada (A Picota – Mazaricos), estas seis fotos formaron parte da súa decoración e, todo hai que dicilo, con bastante éxito entre os “parroquianos” daqueles tempos. Agora, bastantes anos despois da súa exposición pública e diaria, escollín esta imaxe para dala outra vez á luz, como mostra do bo facer do seu autor e, tamén, en lembranza da súa xenerosidade.
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios