A música e o deporte únense en Muros para romper barreiras
07:07 27/11/15
Os amantes da música e do deporte teñen unha cita mañá no pavillón Miraflores de Muros, a asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) organiza a I Xornada Deportiva Don´t Stop, un proxecto que intenta involucrar na participación deportiva a todas as persoas, sen distinción de idade nin de condición.
A xornada, na que colabora o concello de Muros, inicia ás 16 horas, coa benvida e presentación dun evento que é a primeira vez que se realiza no municipio. Ás 16.15 horas serán os pequenos da casa, os nenos e nenas, os que bailen no Zumba Kids, e que cando rematen, despois de media hora, poderán continuar co Body Combact Kids.
As persoas maiores tamén teñen a súa versión de baile no Zumba Gold ás 17.15 horas. Ás 17.45 horas haberá unha pausa para que un representante do concello de Muros lea un manifesto contra a violencia de xénero.
A xornada lúdica e deportiva continuará ás 18 horas con clases de Cross Force Training, Zumba Fitness, Body Combat e Body Balance. En total, catro horas e media de deporte inclusivo no que todas as persoas que asistan poderán participar nas diferentes modalidades.
Paralelamente a estas actividades deportivas, haberá inchables para os máis pequenos e persoas usuarias do centro de recursos de Valadares farán demostracións dos obradoiros que realizan no centro de cestería e cerámica.
A entrada a esta actividade terá un custo de 5 euros, uns cartos que van ser destinados integramente á elaboración de actividades do centro.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Cogami