ADEGA busca voluntarios para a xornada de eliminación das especias invasoras da lagoa de Louro
ADEGA organiza unha nova actividade de voluntariado ambiental para eliminación de invasoras este sábado 18 de xuño. A xornada realizarase nun lugar de importante valor ecolóxico como é a lagoa e praia de Louro (Muros) que forman parte do LIC Monte e Lagoa de Louro. Esta actividade enmarcase dentro do convenio que ADEGA asinou coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza para desenvolver un “Programa de Educación, Divulgación e Voluntariado Ambiental para a Conservación de Especies e Hábitats”.
A actividade continuará as accións iniciadas en 2015 e estará centrada na eliminación de especies invasoras como a cana (Arundo donax), a chumbeira (Opuntia sp.), o garrapatón (Bidens frondosa), a coniza (Conyza canadensis), o senecio (Senecio mikainoides) ou a margarida africana (Arctotheca calendula) entre outras. A introdución de especies exóticas invasoras é, despois da destrución de hábitats, a ameaza máis importante na perda de biodiversidade e unha das principais causas de extinción de especies autóctonas. ADEGA leva anos traballando nesta temática. É por iso que, unha vez máis, organiza esta xornada dando á cidadanía a oportunidade de actuar con iniciativas de custodia litoral.
Para esta actividade o voluntariado contará con seguro de responsabilidade civil e de accidentes. A xornada comezará o sábado pola mañá. Tras a recepción do voluntariado no Centro Social de Louro, e dunha pequena introdución a problemática ambiental das invasoras, comezarán os traballos de campo. O voluntariado contará coa ferramenta apropiada. Haberá un descanso para a comida (gratuíta para os participantes) e unha segunda sesión de traballo durante a tarde. O voluntariado poderá coñecer este magnífico espazo natural e axudar á súa conservación.
Inscricións
- Mail: [email protected].
- tlfnos: 981 57 00 99 / 616 238 050 (Ramsés)
Fonte
- ADEGA.