Tres barcos muradans, inscritos por fin no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia
Boas novas para os amantes das embarcacións tradicionais de Muros. A Xunta de Galicia acaba de publicar a segunda listaxe de embarcacións tradicionais que se incorporan ao Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia. Con esta xa son 50 as embarcacións inscritas no censo, que se abriu en xullo en aplicación do decreto 52/2019 polo que se declaran Ben de Interese Cultural as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.
Entre estas embarcacións que inauguran o censo están os tres barcos da Asociación Mar de Muros, con base no porto de Muros, primeiras da nosa ría en obter esa inscrición.O Censo inclúe datos como a tipoloxía, as medidas ou o porto base, e a súa inclusión vén acompañada dun informe favorábel por parte do órgano xestor das inscricións, no que están representados entre outras entidades, Culturmar, federación á que pertence a Asociación Cultural Mar de Muros, e Agalcari, asociación que agrupa aos carpinteiros de ribeira.
No caso dos barcos da asociación, trátase das seguintes embarcacións:
- A buceta Mar de Muros, barco construído en 2009 para o IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrado en Muros naquel ano, que ten 5,96 m de eslora e está aparellado con vela de relinga.
- A canoa Visenta, construída en 1934 e restaurada en 2010, barco de 5,25 m de eslora con vela mística.
- A dorna Silvia Cristina, barco de 1992 con vela de relinga e 4,60 m de eslora.
Tanto a Visenta como a Silvia Cristina foron cedidas á asociación por veciños de Lariño e Muros respectivamente, momento no que, tras ser restauradas, foron destinadas ao uso social para a salvagarda da cultura mariñeira.